Especial
A noite de Recantos
O concurso “Recantos” de “Luar” chega este venres á súa gran final, en que se enfrontarán O Chylava, o recanteiro das Terras do Eume, e Marc Alonso, das Terras de Bergantiños, dous participantes que, a pesar de que se dedican a outras cousas, teñen en común a súa paixón pola música e a súa ilusión por gañar.
O concurso chega á súa fin despois de once meses de competición, tempo en que os 20 concursantes que iniciaron “Recantos” melloraron a súa técnica vocal e a posta en escena. Ademais de por Tania Fuegho e Manuel DeAndrade, foron valorados polas grandes figuras da canción que cada semana visitaron “Luar” e, por primeira vez na historia do concurso, tamén recibiron a votación dos seus compañeiros.
No programa especial “A Noite de Recantos”, faise un percorrido polos mellores momentos do concurso, recuperando as actuacións máis sonadas de todos os participantes e os momentos máis emocionantes desta edición do certame de novos talentos musicais da TVG.