Momentos G
A nena de aldea que decidiu ser arqueóloga curioseando no Castro de Sáa
Orgullosa de ser unha nena de aldea, Iolanda é arqueóloga por vocación pero tamén por proximidade co castro de Sáa, na Pastoriza. Aos pés de serra de Meira e moi preto do de Viladonga, o castro de Sáa é menos coñecido pero moi similar e estivo habitado máis tempo. Entre os seus fosos e parapetos, Iolanda sente a maxia do lugar e o orgullo dos ancestros.
Iolanda cóntanos que o Castro de Saa, na parroquia de Baltar, na Pastoriza, élle especial por ser arqueóloga pero tamén porque lle encanta o sitio, parécelle un dos castros máis monumentais da zona.
A primeira vez veu cunha amiga a facer un traballo sobre un castro, cando aínda tiña moita árbore na croa, moita vexetación, pero xa entón os muros tan inmensos sobrecollérona e foi cando decidiu estudar arqueoloxía.
O primeiro que chama a atención é a cantidade de murallas que ten e de foxos moi altos. Hai como tres murallas, tres foxos e mesmo se intúe no pastizal que debía haber máis, vese ben na foto aérea.
É unha croa bastante grande, non tanto como a do castro de Viladonga, pero debía acoller bastante xente. Agora mesmo, o que se pode ver é unha casa, escavada e consolidada.
Empezou escavarse hai un par de anos, un par de campañas que duraron só un mes, moi pouquiño para que se vexa realmente. Iolanda sempre o compara con Viladonga, xa que as estruturas e a forma son moi similares.
O castro de Sáa ten máis ou menos dous mil anos, cas súas casas fortificadas, máis cadradas. Estivo ocupado cos romanos, e vai un pouco na liña de Viladonga, polo tipo de pedra que hai na zona, tipo cuarcitas moi pequeniñas da zona, o mesmo material usado na muralla. Foi un cambio radical porque antes os asentamentos eran de barro pero ca pedra, as casas da cultura castrexa consérvanse. Por exemplo, na casa consolidada, vénse varios niveis de ocupación o que quere dicir que se uasou durante séculos.
O castro é un dos puntos da Ruta das Augas do Miño que vai por este val. Os de Meira din que o Miño nace no Preiral pero para os da Pastoriza brota en Fonmiñá.
Sempre que volve ao castro, moi preto de onde vive a súa familia e onde se criou, Iolanda sinte que volve á casa, á súa orixe por eso é tan especial.