Zigzag-Eirado
25º aniversario de Laiovento / Jorge Vázquez Carmona / Mostra de Cinema Periférico (S8) da Coruña / Miguel Alonso
O 25 aniversario de Laiovento será o eixe da conversa que hoxe manterá o presentador do programa “ZigZag-Eirado”, Tino Santiago, co director desta editorial, Alfonso Ribas. O selo acaba de recibir tamén o Pedrón de Ouro pola súa contribución, desde unha óptica progresista, plural e aberta, á normalización cultural e política. O Padroado desta Fundación recoñeceu tamén a calidade estética dos libros de creación e o rigor científico dos de investigación ao longo dos máis de 400 títulos publicados.
Por outro lado, o espazo da tvG2 visitará o estudio do artista plástico coruñés Jorge Vázquez Carmona, que pasou do debuxo ao óleo para chegar finalmente á tridimensión en madeira. Conta cunha obra, sempre figurativa, en que o ser humano se destaca ou se confunde nunha especie de maraña de figuras de enorme plasticidade.
No tempo dedicado á actualidade musical, “ZigZag-Eirado” falará do primeiro disco conxunto de Uxía e Narf, dous grandes da música galega que funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto; do novo disco do grupo estradense Os Esquíos, e da presenza da cantante estadounidense Patti Smith, alcumada “a madriña do punk” no Primavera Sound do Porto.
Os espectadores tamén coñecerán a proposta musical do cantautor e aprendiz de poeta galego Miguel Alonso. O folk, o country e o blues son estilos presentes nunhas cancións que non se pechan a outros ámbitos musicais, xa que, dependendo do lugar onde actúa, podemos escoitalo acompañado por guitarras eléctricas, harmónica e piano.
A Mostra de Cinema Periférico (S8) da Coruña será outro dos temas do programa deste sábado. O certame acolleu a estrea mundial de “Volontè”, obra colectiva realizada en Galicia que retrata a reunión, tras un ano de inactividade, do grupo de experimentación sonora experimental e “noise” do mesmo nome.