Polo rego
O agro galego é un terreo fértil en saberes. É coma unha grande universidade, chea de homes e mulleres sabios, dispostos a compartir parte do que levan aprendido da terra. Os protagonistas de “Polo Rego” son xente que traballa a terra, ben por oficio ou coma unha afección de proveito. Son mulleres e homes, novos e vellos, rurais e urbanos. Os mestres de “Polo Rego” son xente corrente, aínda que cunha especial paixón e experiencia da horta e dos seus froitos. Son xente que é quen de transmitir o que sabe de xeito sinxelo, sen reviravoltas académicas, pero con entusiasmo e sentido do humor.
O programa vai fertilizar o saber da audiencia con materias variadas, para todos e de todos os niveis. Os espectadores van descubrir moitas cousas do produto: todo canto dá o campo galego, desde os cultivos máis tradicionais ata as incorporacións novas nos regos de Galicia. Tamén aprenderán trucos de horta: como se preparan a terra e a planta, como defenderse das ameazas das pragas, que compostaxes caseiras agradece máis a terra, etc.
As cámaras de “Polo Rego” viaxarán diariamente por este campus, ofrecendo catro leccións de catro mestres por capítulo. Cada edición do programa xuntará algo do vasto coñecemento que nace da experiencia nas hortas de Galicia e organizará tanto saber en leccións pequenas e sinxelas, que constituirán a materia de estudo desta particular universidade aberta.