O Nordés
Serie que narra os casos profesionais e os conflitos de relación que se dan na redacción dun modesto xornal galego, O Nordés que xa cumpriu cen anos de vida. Está ambientada na cidade de Vigo e os seus protagonistas son os xornalistas. Cada capítulo estrutúrase en función da rutina laboral de cada xornada, desde a primeira reunión matinal do consello de redacción ata que os lectores o reciben a primeira hora da mañá do día seguinte.
A empresa familiar que dirixe O Nordés pasa por un mal momento económico e sofre presións por parte dun comprador para facerse co seu control. Con todo, máis alá do xornal e dos xornalistas, as principais historias que se narran na serie son as que xorden dos casos que día a día tratan os profesionais da información: historias a partir de sucesos e de temas de actualidade e de interese humano. As tramas xorden tanto dos conflitos entre os personaxes coma dos casos propios da profesión cos que se encontran os xornalistas.
Aínda que son máis de 130 as persoas que integran o equipo de O Nordés, o elenco de actores destaca por incluír artistas consagrados como Mabel Rivera (no papel de dona Amelia, editora e propietaria do xornal) e X. Manuel Olveira Pico (Horacio Oliveira, director do xornal), xunto con algunhas das novas promesas do audiovisual galego como Isabel Risco (Sabela Otero, bolseira en prácticas) ou Olalla Salgado (Álex Lopez, redactora). A serie ofrecerá tamén a oportunidade de ver a Víctor Fábregas (Antonio "Esteiro", redactor de Deportes), coñecido polo seu personaxe de Tucho nos Tonechos, no seu primeiro papel dramático. Ademais o cadro de actores nos seus papeis principais conta con Ledicia Sola (Eva Mouzo, redactora xefe de Local), Monti Castiñeiras (Mateo Rúa, subdirector), Fernando Morán (Alfredo Canido, editor e dono do xornal), Xulio Abonjo (Paulo Castro, reporteiro), Xacobo Prieto (Lois Cedeira, fotógrafo), Evaristo Calvo (Hermida, redactor xefe de Economía), Marián Bañobre (Olga Alvelo, redactora xefe de Cultura e Sociedade), Marcos Orsi (Wilson Alves, director comercial), Belén Constenla (Celsa Budiño, limpadora), e Alfonso Agra (Urbano Puga, empresario e antigo "narco").
A serie, que retrata con realismo a Galicia do século XXI, aborda tamén as contradicións propias do universo do xornalismo, un mundo moitas veces atrapado entre a ética profesional e as obrigas empresariais. O Nordés, que consta de 13 capítulos, está gravada con cámaras de alta definición e con dúas unidades técnicas en paralelo. Tamén se empregaron para a súa posprodución de vídeo as técnicas máis modernas de tratamento da imaxe e infografía.