Imos indo
Ao longo de 8 programas, o presentador, Quique Morales, e os seus convidados percorrerán cada unha das etapas que conforman o Camiño dos Faros, na Costa da Morte. No traxecto e a través das súas conversas, os espectadores descubrirán aspectos íntimos da vida dos persoeiros elixidos e coñecerán xentes da zona, que achegarán información sobre a ruta e os lugares por onde discorre.
O Camiño dos Faros é unha das rutas que máis interese está a xerar a nivel nacional e internacional nos últimos anos, tanto en programas de televisión coma en publicacións especializadas europeas. Creado, impulsado e mantido polos “trasnos”, veciños deste singular espazo da xeografía galega, percorre durante oito etapas os 200 quilómetros que separan Malpica de Fisterra bordeando o mar.