Fíos
A serie xira en torno á fábrica ourensá da familia Sueiro, propietarios dunha próspera empresa téxtil: Fíos. Amador Sueiro foi o seu fundador, que converteu a empresa no que é partindo dunha modesta xastrería. Agora, xa retirado, deixa o negocio nas mans de seus fillos, Antón e Lois.
A Fíos chegan a traballar Eloísa e Inés, que veñen de estudar deseño no Porto. Eloísa, con máis talento, ten que conformarse cun posto de dependenta na tenda principal da empresa mentres que Inés entra a traballar na sección de Patróns e Deseño, que dirixe Carmela. Pouco despois das mozas, chegará tamén Richi que, facéndose pasar por homosexual, consegue ocupar o posto de estilista.
A amizade e rivalidade que existe entre os personaxes son o fío argumental da serie, que xira en torno á relación entre os traballadores da empresa téxtil.