Caseiros
Comedia de situación que conta a convivencia forzosa entre personalidades variadas, con soños e aspiracións moitas veces irreconciliables e sempre disparatadas. Isto é o que propón “Caseiros”, a nova serie da Televisión de Galicia, producida polo mesmo equipo que “Libro de Familia”.
Con Pepo Suevos, Isabel Risco, Susana Dans, Roi da Costa, Elena Seijo e Boris Morandeira como protagonistas, a nova aposta de humor da canle pública, que chega ás pantallas esta noite, está ambientada nun apartamento en que os protagonistas terán divertidas disputas cos inquilinos do edificio e, sobre todo, cos seus caseiros.
Os protagonistas de “Caseiros” son Roi e Lola, dous irmáns desempregados que acaban de mudarse a un apartamento en alugueiro, propiedade de Eladio e Viruca, que teñen un fillo, Lalo, capaz de facer voar o edificio ao menor descoido. Roi e Lola terán que lidar tamén con Dorinda, unha vella inquilina de renda antiga, demasiado afeccionada ao viño de tetrabrick.
Ante as esixencias de Eladio dun contrato fixo para os inquilinos, Roi farase pasar por empregado da Xunta. Esta impostura funcionará durante toda a serie como elemento de tensión, posto que moitas veces estará a piques de ser descuberto na súa mentira. Dorinda, pola súa parte, está ameazada de desafiuzamento. Ocupa un piso xeitoso, aínda que o ten cotroso e botala fóra equivale a actualizar unha renda que suporía unha entrada de ingresos extra para os avarentos caseiros.
A serie, que reinterpreta a realidade en clave de comedia, está dirixida a un público familiar. En “Caseiros” a importancia radica na observación e parodia dos feitos cotiáns, de onde se crean situacións que chegan ao ridículo, grazas ás excentricidades, ao carácter e á conduta dos personaxes.