CRTVG

Buscar

Documental

Tolos polo Xapón

25/02/2021 23:30 h

O documental explora a fascinación da xente nova galega pola cultura xaponesa, especialmente centrado na actividade na cidade de Vigo e a asociación Ippon. Na cidade de Vigo, por oitavo ano consecutivo, celébranse os concorridos Encontros co Manga, o Anime e Xapón. A asociación Ippon, un grupo de afeccionados á cultura xaponesa, programa durante tres días un gran cúmulo de actividades: proxeccións, concursos de debuxo, charlas sobre bonecas, karaoke, degustación de cociña nipona... Os rapaces de Ippon son xente variopinta: Fran traballa na Citröen; Iago rexenta un videoclube; Enola dá clases de xaponés; Ramón é estudante e administra unha web especializada en videoxogos... Todos eles comparten algo: da inicial afección ao manga, os debuxos animados e as consolas foron ampliando o seu interese a todos os aspectos da cultura xaponesa. … Todos Non son os únicos en Vigo. A activa asociación de aikido do ximnasio da Florida é algo máis ca un grupo de practicantes de artes marciais: incorporan a filosofía do aikido ao seu vivir cotián. Amir, profesor de español para estranxeiros, e o seu mestre Javier, axente comercial dunha editorial, fixeron da cultura oriental un xeito de vida. Igual que hai galegos apaixonados polo Xapón, tamén hai xaponeses que fixeron a viaxe cultural inversa. Kazumori namorouse en Vigo e axiña se integrou no país. Pero a súa mirada segue a ser a dun estranxeiro. Kazumori contempla con curiosidade a fascinación que Xapón esperta nos rapaces de Ippon, aos que cariñosamente considera un pouco frikis. Noelia, a muller de Kazumori, tamén adora Xapón. No seu caso non se trata de paixón polo manga, senón polas tradicións milenarias. Casou alá de kimono, coñece o idioma e é capaz de explicar polo miúdo os amuletos e festas do país do sol nacente.

Atopar capítulo por: