CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

Sanxenxo, Oleiros e Vigo

11/09/2016

Viaxamos ata Sanxenxo, Oleiros e Vigo para visitar os areais de Areas, Bastiagueiro e A Fonte, onde os bañistas poden gozar duns enclaves de gran fermosura e ben acondicionados para deportes náuticos.

A praia de Areas, en Sanxenxo, conta con fermosas vistas da ría de Pontevedra. É un areal que namora pola súa area branca e fina e as súas augas cristalinas. Recollida dos ventos, é tamén propicia para gozar dos deportes acuáticos e con chiringuitos de praia nos que relaxarse co solpor, xa que este areal, pola súa privilexiada situación, permite gozar de máis horas de sol ao bañista.

En Oleiros atópase a praia de Bastiagueiro, ideal tamén para a práctica do surf e o windsurf, ao ser rectilínea e contar cunha ondada e ventosidade moderadas. Este areal áchase nun ámbito semiurbano, é grande e dispón de moitos servizos e un amplo aparcadoiro. Ademais, posúe un carril bici, a través do que se pode chegar ata Santa Cruz ou Santa Cristina e, pola súa proximidade ao porto da Coruña, invita a facer rutas en barcas a motor para achegarse ás súas augas.

A praia da Fonte atópase en Vigo e recibe o seu nome dun manancial natural próximo. Sitúase nun ámbito semiurbanizado entre Punta do Muíño e Cabo do Mar, dentro da Ría de Vigo. A súa area é de cor branca e gran fino. Está resgardada e ten unha ondada suave, o que fai que sexa moi visitada por familias que buscan estar tranquilas cos seus cativos.

Atopar capítulo por: