CRTVG

Buscar

Larpeiros

Polo guisado en viño tinto con arroz / Biscoito de azafrán

26/02/2015 22:00 h

As galiñas e os polos serán esta semana o tema de conversa dos “Larpeiros” da TVG, que pensan que habería que poñerlles un monumento en cada vila do país. E é que non hai animais máis agradecidos na cociña, pois deles saen caldos, guisos, asados, arroces, pratos á prancha e, por suposto, os ovos. Un par de ovos ben fritidos cunhas boas patacas poden ser un prato de moita altura. Ademais, son a base de moitas lambetadas, xa que sen ovos non teriamos flan, nin cremas, nin biscoitos... E cantos xantares resolveu nas casas un polo? Ademais, pódese guisar de mil xeitos diferentes.

Don Benigno lembra que na casa xa se guisaron polos de moitas maneiras, pero hoxe quere facelo dun xeito un tanto diferente: polo guisado en viño tinto, un guisiño coas súas cebolas pequenas e cos seus champiñóns e, por se isto fora pouco, acompañado con arroz.

Unha vez decidido o menú, Adrián irá voando ata o concello do Pino. Alí, coa axuda de Javier, coñecerá todos os segredos da cría dunha das nosas galiñas autóctonas con máis fans na cociña: a galiña piñeira. O seu sabor, que lembra algo o da caza, fai da carne destas aves algo único e exquisito.

Pero isto non será todo, xa que, de volta na casa, a festa vai ser completa co biscoito de azafrán co que Merchi e Leni sorprenderán o resto dos comensais.

Atopar capítulo por: