CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

O Porriño

27/09/2014 17:00 h

“Aquí Galicia”, o programa itinerante da TVG, que cada sábado á tarde aterra nunha vila ou cidade galega para vivir as súas festas ou coñecer os seus veciños e os seus atractivos turísticos, está convocado nesta ocasión na localidade pontevedresa do Porriño, inmersa durante estas datas nas Festas do Cristo da Agonía, que ofrecen máis de 20 días de celebracións con moitos puntos de interese, entre eles, actividades musicais, escénicas, deportivas e relixiosas.

Para coñecer un pouco mellor a riqueza patrimonial da vila, o programa contará coa presenza de Gumersindo Lago Soto, veciño que foi quen de recrear en miniatura os edificios máis emblemáticos do Porriño.

Por outro lado, os reporteiros do programa vivirán toda a animación que durante estes días se apodera das rúas da vila, acompañados pola Banda de Gaitas de Atios. Os espectadores tamén poderán asistir a unha solta de pombas, a cargo do Club Columbófilo do Porriño, que é un dos actos máis tradicionais destas festas. 

Ademais, “Aquí Galicia” ofrecerá unha exhibición de patinaxe artístico-deportiva, outra de bailes de salón, a cargo da Escola Pasos e outra de kung-fu, coa participación dos campións de España desta disciplina. 

O espazo presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Rodrigo Vázquez non podía pasar por alto a gastronomía do Porriño e contará cunha degustación de pan de leña e outra de callos, un dos pratos máis típicos da gastronomía galega, que a semana que vén será exaltado dentro dun acto que forma parte das propias Festas do Cristo.

Entre cada unha das reportaxes e entrevistas, o programa estará amenizado con moita música, desta volta a das orquestras Pontevedra e Olympus, o grupo de baile tradicional Os Penediños e as agrupacións de playbacks de Budiño e de Guizán.

Atopar capítulo por: