CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Manuel Vilas / Fernando Fresco / Ataque Escampe / Berrogüeto

11/06/2014 21:00 h

O espazo “ZigZag Diario” recibirá este mércores a visita do arpista compostelán Manuel Vilas, un dos escasos intérpretes de arpa barroca española. Interesado polo mundo da música antiga, na súa actividade profesional colaborou con numerosos grupos e ofreceu múltiples concertos como solista. Na novena edición do Festival Via Stellae, que comeza o 20 de xuño, Vilas culminará a recuperación integral dos cen tons humanos do Manuscrito Guerra, conservado na Universidade de Santiago.

O programa cultural da tvG2 tamén falará hoxe co coruñés Fernando Fresco, alias Arufe, un dos rapeiros máis carismáticos e impredicibles do panorama nacional, que participa este ano no Sónar de Barcelona, que comeza mañá.

Ademais, os espectadores coñecerán a proposta de Ataque Escampe, un dos grupos que compoñen o cartel da Romaría Pop de Santiago, que esta fin de semana contará coas bandas máis destacadas da escena musical galega. Ataque Escampe lucirá a súa mestura de sons sobre base de rock acústico e presentará, na cidade que os viu nacer hai xa 13 anos, o seu recentemente parido traballo “O disco vermello”.

Finalmente, Moncho Lemos falará na sección “Fondos Reservados” da despedida de Berrogüetto, que arrancou a súa última xira en Ourense e concluiraa en Vigo, onde o grupo comezou a súa andaina hai case 19 anos.

Atopar capítulo por: