Grandes lugares
Capítulo 13. Rubiós e Seoane
Aqueles pequenos lugares que agochan tesouros de cada día, porque todos viven felices neles, afastados dos apuros das cidades, e que non cambiarían por ningures, estarán hoxe con nós da man dos seus habitantes, que se converten en narradores por un día, desde terras de Rubiós (As Neves -Pontevedra) e de Seoane (Folgoso do Courel - Lugo).
Nestes dous pequenos lugares veremos como é a súa xente, tradicións, iniciativas e usos sociais que realizan en comunidade, a través de historias que transmiten unha sensación común, o sentimento de pertenza, de familia, de benestar no rural e de orgullo da terra. En calquera dos dous casos, os veciños son os verdadeiros protagonistas que nos relatan as súas vivencias e aspectos da vida social máis representativa.
Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa os territorios elixidos e os seus habitantes como narradores, dispostos a ofrecer un retrato diferente do mundo rural, afastados das imaxes tópicas do envellecemento, cunha mensaxe optimista e vital dos que viven felices na súa contorna.