CRTVG

Buscar

En Feminino Singular

Internacionais: Emma Lustres e Tatiana López

28/11/2021 20:20 h

No programa de hoxe coñecemos a dúas mulleres de éxito internacional, que proveñen de ámbitos totalmente diferentes: o audiovisual e o científico máis tecnolóxico. Emma Lustres é a Directora e Produtora Executiva de Vaca Films, unha produtora que creou hai 14 anos xunto ao seu socio e marido, Borja Pena. Dende a súa fundación, consolidouse como unha das produtoras referencia en España desenvolvendo proxectos destinados ao ámbito nacional e internacional.

O seu primeiro gran éxito foi a película “Celda 211”, dirixida por Daniel Monzón e protagonizada por Luis Tosar. Unha produción que lle abriu ás portas ao mundo e que gañou 8 Premios Goya. Na actualidade, Emma Lustres está inmersa en varios proxectos moi ambiciosos, como a película “Proxecto Emperador”, dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar. Ademais de varias series para diferentes plataformas nacionais e internacionais.

A nosa segunda protagonista é Tatiana López, fundadora e CEO de Nanogap. Unha empresa que naceu como un proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e converteuse nunha grande empresa de nanotecnoloxía, que viaxa entre Milladoiro e California, onde teñen unha filial. Tatiana medrou nun ambiente intelectual e diverso, entre España e Alemaña, no que aprendeu a loitar por facer realidade os seus soños.

Seguindo os pasos do seu pai e xefe, estudou Químicas para despois dedicarse á súa verdadeira vocación, a nanotecnoloxía. Na actualidade, vive entre Galicia e Munich, onde están o seu marido e os seus dous fillos. Tatiana recoñece que a conciliación entre dous países é moi complicada, pero afirma que co apoio da súa familia e o seu gran esforzo todo é posible.

Atopar capítulo por: