CRTVG

Buscar

En Feminino Singular

Construción: Ana Fernández e Eva Paz

21/11/2021 20:15 h

No capítulo de hoxe coñecemos a dúas mulleres con carácter, que se dedican a un sector maioritariamente masculino: a Construción. Dende a Enxeñería e a Arquitectura. Ana Fernández ten 40 anos e é Enxeñeira de Obras Públicas e Camiños.

Entre os anos 2015 e 2018 dirixiu a obra de ampliación da Ponte de Rande, que recibiu en Nova York o premio á segunda mellor ponte do mundo en 2019. Unha experiencia profesional impresionante, aínda que tamén moi dura, xa que é a primeira ponte atirantada en ampliarse do mundo. Unha obra na que Ana dirixiu a 500 homes. É dun pobo de León, pero as obras trouxérona a Galicia en 2008, cando comezou a traballar nas autoestradas do Atlántico.

Dende moi nova desempeñou postos de gran responsabilidade ata acadar o posto de Dirección que ten na actualidade. En canto ao papel da muller na Construción, Ana recoñece que hai que demostrar máis e ter carácter, aínda que no seu caso síntese moi respectada.

Para Ana, a conciliación co seu fillo de 5 anos é complicada, sobre todo estando lonxe da súa familia, pero afirma que a súa empresa ponlle todas as facilidades.

A nosa segunda protagonista é Eva Paz, directora e cofundadora de Gedesia, unha empresa de Enxeñería, Project Management e Arquitectura que comezou en A Coruña e que agora opera a nivel nacional.

Xunto á súa irmá e unha socia, iniciou a súa andaina emprendedora no 2019, e un ano máis tarde xa duplicaran a súa facturación. Trátase dunha compañía liderada por mulleres nun sector de tradición fortemente masculina. Eva recoñece que sendo muller tivo máis obstáculos ao longo da súa traxectoria, aínda que con carácter e experiencia conseguiu chegar á posición de éxito que ten na actualidade.

Afirma que conciliar con dous nenos no seu posto de responsabilidade é difícil, aínque que agradece o apoio incondicional da súa familia.

Atopar capítulo por: