CRTVG

Buscar

En Feminino Singular

Turismo e gastronomía: María Rodríguez, Lucía Freitas e María Chamadoira

05/06/2021 10:00 h

Neste capítulo, dedicado ao Turismo e a Gastronomía, coñecemos a María Rodríguez, a primeira muller galega que recibiu unha Estrela Michelín pola súa cociña no restaurante vigués “El Mosquito”. Nos anos corenta, comezou no histórico restaurante, despois de casar con Manuel, un dos fillos da fundadora: Carmen Roel. Naquela época, a casa de comidas era un matriarcado de éxito. Recibía visitas de todo o país para desfrutar, por exemplo, das súas famosas croquetas de marisco. Un dos segredos mellor gardados de Dona María. Ata Torrente Ballester e Álvaro Cunqueiro quixeron probalas! María xubilouse despois de 60 anos no oficio e faleceu con 94.

De volta ao presente, coñecemos a Lucía Freitas, que con 38 anos ten unha Estrela Michelín e dous Soles Repsol. Grandes recoñecementos a unha vida marcada pola constancia e o gran esforzo na cociña. Unha vocación que lle vén dende nena cando cociñaba co seu pai. E con 61 anos, coñecemos a Mari Carmen Ferreirós, que rexenta a Aldeal Rural Os Muíños, en Rianxo. Unha emprendedora que se entraga en corpo e alma ao seu oficio dende que amence no seu paraíso.

E a nosa última protagonista é María Chamadoira. Ten 47 anos e leva 20 amosando as xoias da nosa terra. É guía turística oficial e, dende hai un tempo, realiza visitas teatralizadas. Investigación e interpretación para contar a mellor historia posible. Tres historias de mulleres que se deixan a pel na súa profesión, emocionando a que está ao seu lado.

Atopar capítulo por: