CRTVG

Buscar

Luar

Con Marcos Mella, Moncho Borrajo, Sergio Dalma e a final de Recanteiros

11/07/2014 22:00 h

 A emoción está servida no programa “Luar”, que esta noite celebra a gran final de “Recantos”, a máis igualada das últimas edicións deste concurso de talentos, que disputarán Rubén, de Terras de Compostela, e Iria, procedente da Costa da Morte. Despois de nove meses de competición, chegou para ambos os dous a hora da verdade e tamén para os membros do xurado, Xosé Manuel Piñeiro, Tania Fuegho e Manuel de Andrade, que hoxe terán que tomar unha difícil decisión.

Mentres chega o momento decisivo para os “Recanteiros”, os espectadores poderán gozar coa actuación de Sergio Dalma, que interpretará temas do seu último disco, “Cadore 33”. Ao longo dos case 25 anos que leva na música, o artista catalán soubo conectar cos sentimentos de toda España, nunha viaxe chea de cancións, sentimentos e moita emoción. Agora, co disco número 16 da súa carreira, Sergio Dalma ofrece un traballo repousado e dedicado por completo ao amor, ao que poucos lle cantan coma el.

“Luar” tamén recibirá no escenario o cantautor ferrolán Marcos Mella, un músico de formación autodidacta que, despois de formar parte de varios grupos, actualmente leva os seus propios temas aos escenarios galegos en solitario, abrindo concertos doutros artistas. A orquestra Palladium, a banda familiar e interxeracional Os Perucos, o Grupo Celta da Escola de Música do Concello de Ortigueira e a Asociación Cultural Donaire completan a proposta musical desta semana.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro tamén falará esta noite do café, para o que contará coa presenza do barista Nacho Gómez, que falará dos distintos tipos de café, explicará como ten que ser a bebida ideal e dará consellos para preparalo na casa.

Ademais, “Luar” recibirá a visita da Miss e do Míster Terceira Idade de Galicia, unha veciña da Coruña e outra de Cedeira, que se fixeron co título a pasada fin de semana no festival que se celebrou en Melide.

Atopar capítulo por: