CRTVG

Buscar

Luar

Charo Reina / Hevia /Cantando a Galicia con Rosa Cedrón, Sito Sedes e Paco Lodeiro

08/11/2013 22:00 h

O espazo “Luar” chega esta noite á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia cunha mestura de estilos musicais ben diferentes. Así, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro recibirá a visita da cantante de copla Charo Reina, cuxo último traballo discográfico é “Por ti y para ti”, unha homenaxe á súa tía, a gran Juanita Reina. Tamén subirán este venres ao escenario de “Luar” o gaiteiro asturiano Hevia e o grupo de reggaetón e pop K-Narias, formado por dúas irmás xemelgas tinerfeñas.

 Outra das actuacións de hoxe será a de Cantando a Galicia, o proxecto musical de Rosa Cedrón, Sito Sedes e Paco Lodeiro, unha homenaxe ás orquestras de sempre, cuxa finalidade é recuperar aqueles temas míticos das verbenas clásicas, dun xeito totalmente renovado, pero sen perder un ápice de sentimento. E, falando de orquestras, o programa recibirá a visita de Ciudad Cristal.

 Coma cada semana, en “Luar” tamén haberá tempo para a música tradicional galega, que nesta ocasión estará representada pola centenaria Banda de Música de Antas de Ulla, unha das máis veteranas de Galicia, e polos Trazantes de Tenorio.

  Por outro lado, os seguidores do certame musical “Recantos” non deben perder detalle do que acontecerá esta noite, xa que se producirán as dúas primeiras eliminacións desta edición do concurso e quedarán só 16 participantes. Os espectadores poderán ver hoxe a actuación de Iria, representante da Costa da Morte, que interpretará “Alma, corazón e vida”; e de Roko, de Terras do Eume, que se atreverá con “O caravel”.

O humor de Campos e Crespo e unha nova edición do concurso “Vai de Gaita”, en que se enfrontarán Alberto Díaz e Ismael García, completan as propostas de “Luar” para este venres á noite.

Atopar capítulo por: