CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Cedeira

28/11/2015 16:30 h

A vila mariñeira de Cedeira, situada na costa coruñesa e coñecida polos seus altos cantís e a súa exquisita gastronomía, é esta semana o destino do programa “Aquí Galicia”, que coñecerá a súa historia e encanto e algúns dos seus enclaves máis espectaculares, como o mirador de Santo Antón do Corveiro, aquel que mencionaba Andrés Dobarro nunha das súas cancións máis coñecidas; Punta Candieira, un dos puntos máis setentrionais de Galicia; a serra da Capelada, que conta cos cantís máis altos da Europa continental, e o Castelo da Concepción, fortaleza erixida a mediados do século XVIII que hoxe constitúe un magnífico mirador sobre toda a ría de Cedeira.
Pero, sen dúbida, unha visita que non podía faltar no “Aquí Galicia” desta tarde é o máxico santuario de Santo André de Teixido, onde a lenda di que “quen non vai de morto vai de vivo”. 
O programa tamén se achegará á Cedeira máis mariñeira da man de patróns, mariscadoras e percebeiras. O espazo da TVG amosará o prato máis típico da vila, o rape con chícharos, e tamén degustará algunhas sobremesas tradicionais como o pastelón, as manteigadas, as eses ou a bóla de azucre.
Ademais, “Aquí Galicia” contará como é un dos acontecementos máis grandes que se vive cada ano na vila: o Lugnasad, unha festa relacionada con antigas tradicións celtas, onde os cedeirenses recrean un antigo poboado e se visten de época para a ocasión.
No apartado musical, o espazo presentado por Lucía Rodríguez ofrecerá as actuacións da orquestra Compostela, que presentará a súa nova formación, do grupo de baile da Asociación Cultural Buxaina e do grupo de cantareiras da Asociación Cultural As Aturuxeiras. 

Atopar capítulo por: