CRTVG

Buscar

Catedrais de Galicia

Catedral de Lugo, o templo dos milagres

17/01/2017 23:30 h

No ano 1129 comezou a construírse a catedral románica de Lugo, substituíndo a unha anterior mandada edificar polo bispo Odoario no século VIII. O impulso final doutro bispo, Pedro III, co beneplácito do seu cabido e a confianza depositada no mestre Raimundo, terán unha énfase especial; así como o sdistintos estilos nas reformas sucesivas engadidas ao longo dos anos:o gótico da capela maior, Santo Domingo dos Reis e San Froilán, a xirola, o primeiro corpo das campás e o pórtico norte; o barroco da Sancristía, o Claustro e a Capela Central, chamada dos Ollos Grandes; o renacentista do segundo corpo da Capela Maior e a fachada, do século XVIII.

Ademais do citado mestre Raimundo, cuxo sucesor na obra románica sospéitase que puido ser o famoso Mateo, autor do Pórtico da Gloria da catedral compostelá, vemos a intervención doutros autores de fragmentos ou partes do edificio como o montañés de Trasmiera, Gaspar de Arce, o enxeñeiro francés Carlos Lemaur, o galego de Cee Domingo Antonio de Andrade e Fernando de Casas Novoa, famoso tamén pola fachada compostelá do Obradoiro. Analizamos as fantásticas ferraxes da Portada norte, unha verdadeira xoia do século XII; enterramentos e sarcófagos interiores como o de Santa Froila, nai de San Froilán, ou o enigmático sepulcro dun distinguido personaxe da corte dos Reis Católicos; a imaxinería e a imaxe da nosa Señora, coñecida polo apelativo dos Ollos Grandes, de tamaño natural á que o pobo de Lugo profesa unha afervoada veneración; os retablos do barroco galego e as reixas das Capelas absidais sen esquecer a lámpada monumental que colga do centro da bóveda do cruceiro e pesa unha tonelada. En definitiva, un apaixonante relato arquitectónico con case novecentos anos de historia e un dos símbolos identificadores da fe no nordeste galego.

Atopar capítulo por: