CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

Areoura, en Foz e Burela; Cabeiro, en Porto do Son, e o Muíño, na Guarda

25/08/2021 23:25 h

Semella que o mes de agosto está a ser máis solleiro que o anterior mes de xullo, en que a choiva e as baixas presións foron protagonistas. A súa vez, a longa sombra do regreso das vacacións fai que os visitantes das praias gocen ao máximo destes días de sol.

Comezamos polo norte, na provincia de Lugo. No corazón da Mariña Lucense entre os concellos de Foz e Burela, sitúase a praia de Areoura. Este areal conta de 200 metros de lonxitude, e está custodiado por cantís escarpados e cheos de rochas e pequenas covas que se forman nos costados, creando cantís de pedra de fermosa factura. Visitantes da Arxentina, do Perú e tamén de toda España, principalmente de Madrid e do País Vasco. Por suposto, visitantes locais de Burela, Cangas de Foz e Cervo que nos contan os seus primeiros recordos na praia. Esta praia semiurbana está próxima ás praias do Cantiño e a Praia dos Alemáns (praia nudista).

Na provincia da Coruña visitamos a praia de Cabeiro, no concello de Porto do Son. Esta praia ten unhas vistas privilexiadas dende o faro de Cabeiro, en que se pode contemplar toda a ría de Muros e Noia, dende o Monte Faro ata o Castro de Baroña. Descubrimos cal é a fórmula perfecta para facer amigos da man de Hugo: achegarse, falar e buscar afeccións e temas en común. A súa vez, presentamos unha espóntanea clase de pilates grazas a visitantes das illas Baleares, que ofrecían de forma solidaria, instruccións a aqueles veciños que se quixeran achegar. Por suposto, os deportes acuáticos forman parte dun dos grandes atractivos da praia. O paddle surf, o caiac e, por suposto, os baños son sinal de identidade en Cabeiro. Por outra parte, o gran debate: Cabeiro é con b ou con v? A pesar de que moitos letreiros aparecen coa letra v, resolvemos a dúbida cos visitantes. Moitos dos praieiros están instalados no cámping próximo á praia que ofrece excelentes servizos.

Por último, na fronteira entre Galicia e Portugal, na provincia de Pontevedra, coñecemos a praia do Muíño, no concello da Guarda. Nesta praia vivimos un rescate en vivo. Un paseo en paddle surf na desembocadura do río Miño sen ter en conta as correntes de mar pode resultar moi perigoso. Grazas á excelente labor dos servizos de socorrismo que se achegaron en 'zodiac' puideron rescatar a parella que se atopaba extraviada. Isto demostra a importancia de respectar as indicacións dos profesionais e coñecedores do areal. A súa vez, destaca un contorno natural fermoso, cun extenso piñeiral e paseo de madeira que forma parte do Camiño de Santiago Portugués. Compartimos experiencias con peregrinos, lembranzas con veraneantes de toda Galicia, Madrid e Portugal que narran as súas anédotas e tamén lembran as festas da zona que se fan no mes de agosto, que lamentablemente, por mor da pandemia, non se poden celebrar como en tempos pasados. Un contorno paradisíaco con vistas ao país veciño e a unha fortaleza medieval situada nunha illa entre dous países.

Atopar capítulo por: