CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

A Lanzada en Sanxenxo e o Grove, Doniños en Ferrol e Xilloi no Vicedo

18/08/2021 23:25 h

Un verán atípico que está a deixar demasiadas choivas, poucas raiolas de sol e demasiadas nubes que, porén, non impiden que os bañistas saian a desfrutar do seu día de praia. Comezamos polo sur, na provincia de Pontevedra. Unha das praias máis famosas é a Praia da Lanzada. Consta de case tres quilómetros de areal, que ocupa parte dos concellos de Sanxenxo e O Grove. Trátase dunha praia ideal para practicar surf, pasear e descansar e desfrutar da gastronomía. Buscamos ademais ao que chaman “o xerente da praia”: o Moreno da Lanzada. Esta personaxe é moi coñecida xa que visita o areal dende o comezo da primavera ata o final do outono. A súa vez, falamos con surfistas e tamén con monitores e escolas de surf, que ofrecen servizos a todos aqueles-as que queiran aprender, sexa da idade que sexa. Gozamos tamén dunhas excelentes vistas de toda a praia dende a Arrocería La Lanzada e, por suposto, conversamos cos visitantes que mellor bronceado teñen, grazas ao sol grovense. Finalmente, a lenda das nove ondas da Lanzada, foi outro dos temas de conversación cos praieiros.

Subindo cara a provincia da Coruña, visitamos a Praia de Doniños, en Ferrol. Esta praia tamén é unha das grandes abandeiradas do surf na nosa comunidade, se ben é certo que en Ferrolterra, a gran recoñecida é a Praia de Pantín. Este areal destaca por un fermoso sistema dunar que o rodea e abriga. Descubrimos moitos praieiros que vén nas dunas un refuxio para desfrutar do día de verán. A súa vez, na parte superior do areal, agáchase o escondite de moitas pandas de xente nova e adolescentes que aproveitan para xogar ao voleibol, botar unha partida ás cartas e, por suposto, botar unha carreira ata a auga, con moito coidado da forte ondaxe que hai na praia.

Por último, na fronteira das provincias de Lugo e A Coruña, chegamos ao Concello do Vicedo. Alí chegamos a un fermoso areal de augas azul turquesa: a Praia de Xilloi. Esta praia goza de instalacións e servizos, e de alta ocupación na tempada estival, dotada de paseo marítimo, de augas tranquilas, con equipos de salvamento e seguridade e acceso para minusválidos. Dende a chegada pola estrada á praia, podes descubrir unha auga cor turquesa e cristalina, propia do mesmísimo Caribe. Furnas, covas e segredos que agochan as penedas e cantís que forman a enseada na que está encravada este areal. Visitantes principalmente de Madrid, que descobren este pequeño paraíso nun concello que apenas supera o millar de habitantes. Ideal para os nenos, polas augas tranquilas, unha area limpa e branca e por suposto, perfecta para practicar buceo e snorquel.

Atopar capítulo por: