Vídeopodcast
A nova web da Radio Galega aposta polos contidos propios e o podcast
- A radio pública pon o foco nas entrevistas e as reportaxes de profundidade
- O podcast convértese en elemento clave da nova estrutura dixital
- O directo segue sendo a referencia da Radio Galega
Os medios de servizo público de Galicia lanzan este luns un redeseño da imaxe dixital da Radio Galega para potenciar os contidos de produción propia co obxectivo de xerar opinión arredor dos temas que interesan á sociedade galega. A emisora pública reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección dos contidos máis desctacados da súa programación.
Para isto, ponse en marcha unha páxina web más intuitiva e directa, onde os usuarios poden atopar un menú con tres botóns a través dos cales acceder de xeito sinxelo a todos os contidos de valor engadido da súa emisora de referencia. Deste xeito, a audiencia da Radio Galega poderá picar directamente nos catro directos cos que conta a canle pública na actualidade, acceder a cada programa de xeito independente ou navegar a través dos podcast.
Na portada da nova web están dispoñibles os contidos máis salientables dos informativos e dos programas. Intégranse no proxecto grandes sinaturas como o xornalista Fernando Ónega, o investigador Ángel Carracedo, a profesora Laura Castro, o catedrático Jorge Mira e o divulgador Marcus Fernández.
O directo segue sendo a referencia da radio pública, con accesos directos na parte superior da web á emisión da Radio Galega, de Radio Galega Música, Son Galicia Radio e a canle de música infantil en galego Radio Picariña.
O segundo vértice da nova páxina web serán os contidos de produción propia, cos que a Radio Galega xera debate político e social no ámbito xeográfico de Galicia, é dicir, as entrevistas propias e as reportaxes en profundidade que outorgan valor engadido á emisión e ao propio espazo web da radio pública.
Os podcast eríxese en eixe do consumo radiofónico en Internet e a Radio Galega impulsarao a través do seu novo deseño web. Por unha banda, potenciará os seus programas especializados para o seu consumo vía podcast para chegar ás comunidades nicho ás que se dirixen especificamente eses contidos e, por outra parte, ofrecerá todas as horas de emisión de cada un dos programas para facilitar a recuperación de contidos.