Entrevistas
"Cando alguén ten intereses en facer de 12 millóns de euros de xestión pública unha xestión privada, alguén se beneficia diso"
O vicepresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, apunta na Entrevista da Radio Galega a posibles intereses espurios na decisión da xunta de goberno da institución provincial pola que se lle quita a Suplusa a encomenda de xestión dos xeriátricos provinciais. Asunto este polémico na Deputación luguesa, á vez que o venres o equipo de goberno liderado polo tamén socialista Darío Campos decidiu que sería a xunta de goberno e non o pleno, quen ratificará o convenio cos concellos de Ribadeo, Trabada, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas do Sil e A Fonsagrada para poder abrir as residencias de maiores. A retirada da orde plenaria evitou que o goberno socialista perdese a votación xa que tanto o vicepresidente, Manuel Martínez, como o PP pediran adiar calquera decisión mentres os servizos xurídicos non se pronunciasen sobre a legalidade da retirada da encomenda de xestión a Suplusa por parte da xunta de Goberno. De non ser así, tanto o socialista como o PP amezaban con votar contra o convenio.
Martínez, na conversa na Radio Galega, defende que el aposta "como socialista, obviamente, por unha xestión pública que permita abaratar os custos e que permita que todos os cidadáns da provincia de Lugo poidan optar a esas residencias" fronte a outros "compañeiros que pensan que deben facer xestión privada". Martínez, entre outras razón, atribúe esta decisión de parte dos seus compañeiros do grupo socialista á "comodidade" e a que "quizais subsista ou estean outras diferenzas doutro tipo de cara ao posicionamento das próximas eleccións municipais e a propia Deputación".
Dende o meu punto e dende o punto dos xuristas de Suplusa e outros independentes, quen tomou esa decisión de quitar esa encomenda de xestión e de ser medio propio é a xunta de goberno e eu creo e cremos que iso é ilegal
Cando alguén ten intereses en facer de 12 millóns de euros de xestión pública unha xestión privada, alguén se beneficia diso. Alguén se ten que forrar
Ante a intención do executivo provincial de aprobar os convenios en xunta de goberno, o vicepresidente considera que non ten encaixe legal.
Penso que non, penso que iso é unha manobra máis de non sei quen, porque non o dou sabido se entre os dez compañeiros ou algún que está por detrás e mece a man do berce, esas decisións que o único que fan é pegarnos un tiro no pé ós socialistas e enredar no ambiente
Sobre quen podería estar detrás desa man, Martínez limitouse a dicir que "o que mecía o berce segue mecéndoo agora". Ao preguntarlle directamente se pensaba no que fora secretario xeral do PSdeG e e ex-presidente da Deputación, Xosé Ramón Gómez Besteiro, o alcalde de Becerreá tirou de sorna para dicir que "pecados de pensamento non cometo, prefiro cometelos de obra".
Expostas as súas hipóteses, o vicepresidente da Deputación de Lugo teima tamén en afirmar que no que atinxe á actuación sobre os convenios, "se considero que non é legal vou votar en contra como votei no seu momento". Manuel Martínez asegura que el non rexeita a disciplina de voto nin vota co PP, senón que é "tratar de ser coherente" e advirte de que se "iso me custa sancións ou outro tipo de problemas, non me preocupa". Di que trata de "respectar" os seus compañeiros de partido pero marca liñas vermellas:
Non vou votar contra o meu ideario, contra a miña forma de pensar e contra os cidadáns de Lugo
Pese a esta postura, Martínez non cre que estea en xogo o goberno provincial e mesmo considera que Darío Campos, o presidente, "está en boa posición".
Cun "en política todo é factible", o socialista Manuel Martínez contestaba á posible existencia dunha candidatura alternativa ao PSOE nas locais do ano que vén con persoas que estiveran vinculadas ao partido.
Hai persoas do partido socialista que neste momento non poden encabezar listas do partido socialista e que queren presentarse lexitimamente á alcaldía, a min chegáronme rumores e incluso falei con algunha destas persoas
E mesmo augurou que "si que é factible e que poden incluso ter un bo resultado". Sobre el mesmo avanza:
Se por circunstancias da miña coherencia; se ao final termino fóra do partido, eu quero volver ser alcalde de Becerreá e incluso deputado provincial, entón exploraremos esas vías que se abren, xa non só agora é unha candidatura independente hai moitas máis vías para participar nas eleccións
Pero recalca que a súa intención é rematar a súa vida política no partido socialista e ser candidato socialista á alcaldía de Becerreá. “Si, eu vou ser candidato ás próximas eleccións”, avanza, “salvo problema físico ou doutro tipo” que llo impida. Sobre o seu futuro, e a súa participación nesa eventual candidatura alternativa, Martínez di que pola súa parte non existe posibilidade “ningunha” pero aclara que “se se me expulsa ou se me bota fóra do partido me volve abrir expediente por estas actuacións” que el considera “coherentes” e consontes ao ideario socialista, “Manolo Martínez xa descubriu durante dous anos que loitou por volver ao partido socialista (…) que hai vida fóra do partido socialista e de calquera outro partido”. Martínez non quixo cuantificar canta xente do partido socialista estaría disposta a participar nesa candidatura alternativa pero desliza a idea de que habería xente dabondo polo que oe e polo “descontento que hai” con estas actuacións. Martínez non pon no foco no novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, do que di que está “aterrando” e do que dixo que ve “equilibrado”, “serio e responsable” tras admitir que votou por el nas primarias. Considera a Caballero unha persoa “prudente, intentando coñecer que é o que ocorre no partido socialista”.
Doutra opinión é sobre o liderado de Pedro Sánchez. Tras botar man da grosa expresión “a Madrid e a Pedro Sánchez suaralla o que pense Manolo Martínez”, o alcalde de Becerreá di que non se sente identificado co proxecto socialista que encabeza Pedro Sánchez. Mesmo lle apón á dirección estatal a existencia dun “rexeitamento a todos aqueles que fixeron grande ao partido socialista” caso de Felipe González ou Rubalcaba -citou-, a que, segundo Martínez, “non se lles deixa nin falar”. O vicepresidente da Deputación insiste en que “hai descontento” entre xente do partido pero tamén di que é claro que “o que ten a chequeira ten os recursos”. E con esta idea mesmo dixo que “se Darío Campos non apoiara a Álvaro Santos e tivera a chequeira da Deputación, probablemente Álvaro Santos non fose secretario provincial do partido”.