CRTVG

Buscar

Entrevistas

“É importante para o Goberno que teñamos unha Confederación de Empresarios forte”

03/02/2018 - 08:15 h

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, admite na Radio Galega que a incerteza que paira sobre a patronal galega afecta ao diálogo social e xulga “importante” a existencia dunha CEG “forte”. Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana, Conde destacou os procesos que van vivir os empresarios galegos nos próximos meses como son as eleccións ás cámaras de comercio como á elección do novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. A recente dimisión de Antón Arias á fronte da patronal galega e as incertezas dos últimos anos levaron ao conselleiro de Economía a recoñecer que  “un proceso onde, efectivamente, está cheo de incertezas, realmente cunha situación de dificultade interna, pois dificulta tamén trasladar cunha certa estabilidade e cunha certa certeza a outros eidos como pode ser o eido do diálogo social”.

Por iso para o Goberno é tan importante - loxicamente - que teñamos unha Confederación de Empresarios forte, que dea resposta aos empresarios e que tamén - loxicamente - haxa unha interlocución para seguir avanzando a través do diálogo social

No que atinxe ás demandas dos traballadores da central de Meirama, o conselleiro lembrou que é decisión da empresa Gas Natural Fenosa acometer os investimentos reclamados. Non obstante, Conde revelou que xa tiveron “diferentes conversas” para apoiar ese investimento por parte de Gas Natural Fenosa e apuntou que “Endesa xa está a acometer eses investimentos no caso da central das Pontes” e que a expectativa do goberno galego e que vaia nesa liña, “que se poidan concretar estes investimentos”.

No contexto - loxicamente - do sistema eléctrico nacional entendemos que Meirama ten un lugar e polo tanto temos esa expectativa para que Gas Natural Fenosa poida concretar ese investimento

Preguntado polos datos do paro de xaneiro dados a coñecer onte venres, Conde dixo que a “avaliación é positiva, sobre todo pola tendencia” e engadiu que “a recuperación está vindo polo sector industrial, o cal  é un elemento moi positivo”. Así e todo, o conselleiro de Economía fixa como obxectivo a “mellora da calidade” e a “estabilidade no mercado laboral, admite que “queda moito por facer” e apostou por que esa recuperación “chegue a todos” e tamén se lle dea traslado “aos salarios” a través da mellora da produtividade.

Francisco Conde, que acaba de chegar co presidente da Xunta da primeira viaxe a Israel dun presidente galego, afeoulle á oposición parlamentaria os receos ante esta viaxe que o goberno galego considera eminentemente económica e comercial. Segundo o conselleiro, “a oposición ten un discurso que non muda e que non está adaptado á realidade dende o punto da visión internacional”.

A presenza de Galicia en Israel, neste caso, vailles permitir ás empresas establecer novas pontes de colaboración e sobre todo,  poder acceder e desenvolver proxectos que seguramente sen o apoio das institucións, sen o apoio do Goberno da Xunta de Galicia e do Goberno de España, seguramente, sería moito máis difícil de acadar

Un apoio que o responsable das carteiras de economía e industria da Xunta puxo como criterio na recentemente aprobada Estratexia Galega de Acción Exterior. Segundo dixo, América Latina, Asia e Europa son as nosas tres prioridades e a axenda exterior da Xunta vai “responder a esas tres áreas, dándolle seguimento tamén ás viaxes que estamos a desenvolver, pero sobre todo, estamos orientando a viaxe e a axenda exterior da Xunta de Galicia e do presidente da Xunta de Galicia ás necesidades das nosas empresas”

Cortes dos diferentes programas da RG