CRTVG

Buscar

Entrevistas

"É unha pésima mensaxe primar os ineficientes e os incumpridores e castigar os cumpridores"

25/02/2018 - 14:10 h

O presidente da FEMP e alcalde de Vigo agarda que mañá haxa un acordo co ministro de Facenda para abordar o reinvestimento do superávit nas entidades locais 

O presidente da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegura na Radio Galega que confía agardar un acordo  da reunión que mañá ten co ministro de Facenda para abordar o reinvestimento do superavit nas entidades locais. No espazo A Entrevista, Caballero xulga o acordo como "imprescindible" e "necesario". "Ten que haber acordo porque non se pode tolerar que as administracións locais sexamos as mellores xestoras de tódalas administracións de España e esteamos sendo tratadas coa vara de medir máis prexudicial posible", explicaba.  Mesmo asegura que "é unha pésima mensaxe primar os ineficientes e os incumpridores e castigar os cumpridores e isto é o que o ministro Montoro perfila no seu desenvolvemento de política cara ás políticas cara ás corporacións locais". Ademais o alcalde de Vigo insiste en que as corporacións poidan investir ese superavit "nas necesidades reais das cidades"

Caballero amósase optimista ao afirmar  que "creo que imos ter boas conclusións" pero apunta que o martes pola mañá terá unha reunión con membros da FEMP  para avaliar a reunión con Montoro e en función do que aconteza, "eu tomarei decisións"

Se hai quitación de débeda para as comunidades, Caballero asegura que reclamará o mesmo para os concellos e engade matices. "Se se fai, ten que ser para todas as comunidades nas mesmas proporcións e para todos os concellos nas mesmas proporacións. Os que non temos débeda temos que recibir a cantidade que teriamos se tivésemos débeda", indicaba. Segundo aseverou, "sen roper a uniformidade de acción, eu estou como presidente da FEMP  a consideralo"

O alcalde de Vigo reiterou a súa intención de presentarse ás eleccións municipais de 2019 e non só iso, senón que cre que "vai gañar" e mesmo mellorar "substancialmente" resultados. E se gaña, volverá presentarse e así sucesivamente. No que atinxe a unha eventual limitación de mandatos, Caballero asegura que "normalmente piden limitacións de mandatos os que perden as eleccións". Entende que si se faga nos sistemas presidencialistas pero non nos parlamentarios. 
Dos que non ten tan boas perspectivas nas municipais no concello de Vigo é para as Mareas e tamén para o PP. Sobre o papel da Marea en Vigo critícalle que "está absolutamente supeditado ao que lle digan os seus xefes de Santiago e de Coruña". E cualificou de "lamentable" o papel de Marea na cidade. E din que nas eleccións de 2019 "van caer"

Respecto ao PP na cidade olívica, agoirou unha "caída inconmensurable de voto" debido -argumentou- ao seu papel na crise da auga en Vigo ao dicir que o Partido Popular de Vigo "en vez de defender a Vigo" defendeu a Feijóo. Nesa liña, Caballero criticou ao presidente da Xunta. O rexedor de Vigo asegura que a auga de Vigo "é unha auga dunha calidade fantástica", "dunha gran calidade". Para o alcalde socialista, "todo isto é a política de Feijoo", a de dicir que "a auga da principal cidade de Galicia non era potable, " e preguntouse "en que se baseaba?".  O alcalde defende que a auga de Vigo "sempre foi apta para consumo e sempre o seguirá sendo" e cualificou de "detestable, deleznable" o papel de "deteriorar" a imaxe de Vigo que na súa opinión fixo o presidente da Xunta. O rexedor defende a construción dunha nova potabilizadora e insiste en que "é unha cuestión supramunicipal" e volveu apuntar á Xunta por non afrontar a obra malia ter competencias. Mesmo engadiu que "eu responsabilizo a Feijoo se quedamos sen auga nesta cidade". 

Sobre a actitude do alcalde de Pontecaldelas (tamén socialista), que rexeita o transvamento de auga do río Verdugo urxido polo Goberno olívico, e que dimitiu do seu posto orgánico no PSOE provincial, Caballero limitouse a dicir "como pode dirixir un partido político alguén que lle nega a auga a 450 mil persoas?  Pois non pode". 

Ante un eventual rescate o transferencia de competencias da autoestrada do Atlántico, o alcalde de Vigo aposta polo "que máis favoreza aos usuarios, aquela administracións que estea máis disposta". Para Caballero, a pregunta é "se pasa á Xunta que vantaxe imos ter os usuarios? Ou vai seguir todo igual? Porque se vai seguir todo igual é unha relación de poder na que eu non entro". 

O que si urxe é a "baixar peaxes entre Vigo e Pontevedra", unha "redución moi significada da peaxe" ao ser unha "grande área territorial"

Programa de entrevistas