CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Raquel Carrera: "Souben que ía ir á selección por unha chamada hai quince días, pero só llo puiden contar a meus pais"

29/10/2020 - 15:31 h

Vaia semaniña que leva a galega Raquel Carrera, con oito vitorias co seu equipo e que acaba de chegar á selección española.

E para contárnolo todo, pasou por Zona mixta: "Chamáronme dúas semanas antes de sacar a convocatoria. Comentoume o responsable da FEB que ía coa selección española feminina. Estaba que non o cría".

Pero claro, non podía compartilo: "Quedaba moito tempo para a convocatoria. Díxenllelo aos meus pais, porque era algo que tiña que compartir con eles, loxicamente. Pero non podía contalo a ninguén máis porque podía pasar calquera cousa ata chegar á absoluta. Isto para min é como recibir o premio de ouro".

E sendo tan nova, as que a rodean son moi importantes para que manteña os pés no chan: "Toda a miña contorna, familia, compañeiras, axúdanme moito. Apoianme, confían en min. Valórase iso cando es nova. Cada vez que xogo fágoo porque me divirte. O baloncesto é o que máis me gusta. As veteranas axudan moito e igual ca familia, dinme que se estou aquí é porque o gañei".

Tamén falou marabillas dunha canteira, a celeste, que levou catro xogadoras máis ao equipo nacional: "A canteira do Celta Baloncesto é boísima. Nos catro anos que estiven alí estiven xenial".

E sendo ourensá, chegar a unha cidade máis grande, cambia moito. Para ben e para mal: "Valencia é moi diferente a Ourense, moito máis grande. Estou moi ben aquí, pero un polbiño á feira bótoo en falta. Celebrarei o meu 19º aniversario este sábado xogando ao baloncesto".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso