Zona Mixta
Óscar, un dos surfistas que desafiou a borrasca Épsilon: "Nunca iría ao mar con alguén que non lle teña medo ás ondas xigantes. Co medo hai que falar, negociar..."
En Zona mixta falaron de surf en ondas xigantes con Óscar García. A tormenta perfecta para eles chegaba logo de moitos meses coa borrasca Épsilon, pero non puido celebrarse o campionato que tanto lles custara organizar.
Comezaba falando de se hai que ter algo especial para gustar disto: "Non creo que sexamos tolos, máis tolo está un que colle o coche sen ter descansado dabondo. Unha borrasca como a Epsilon é perfecta para o surf e as grandes ondas. Gústanos medirnos fronte as ondas no mar. Levamos traballando todo o ano para isto, e xa en febreiro falamos de adiar o Campionato. Xa vendo o que pasaba por China sospeitabamos que algo ía pasar. Xusto agora que temos a tormenta perfecta para isto... mira o que está a pasar en toda España. Dáche unha carraxe terrible volver ter que suspendelo. Perdemos patrocinadores".
E ademais todo isto ten consecuencias de perdas monetarias non só para eles, que o levan preparando e poñendo moito da súa parte: "Non falamos só de perdas económicas para nós, senón para toda a Mariña. Calcúlase que o ano pasado houbo un retorno duns 5 millóns de euros, todo isto voou polo aire. Os surfistas que ían estar en Ribadeo están hoxe en Nazaré, e hai milleiros de persoas. Alí están todos gozando e aquí non se pode celebrar?".
A mágoa é maior cando el mesmo sae ao mar e ve como está a situación perfecta para surfear estas ondas xigantes: "Estes días a costa de Lugo está a rebentar de ondas. Onte, na praia de Covas (Viveiro), que está nunha ría, había 20 surfistas só alí. En Nazaré as ondas que están a coller hoxe poden estar preto do récord mundial, que está en 31 metros. O que non teña medo, non debe ir ao mar, iso está claro".