CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Damián Ramos: "Os rivais non o din, pero nótase que pensan: 'Este coxo que fai competindo con nós?'"

29/09/2021 - 15:43 h

O deporte ten historias únicas. Como a que tiveron hoxe en Zona mixta, a de Damián Ramos, un deportista da Coruña a quen un accidente dramático lle cambiou a vida hai 7 anos cando case perde unha perna e na que tres dos catro rescatadores que o auxiliaron perderon a vida: "Tiven a sorte de ter uns inicios moi bos con xente como David Cal ou Tere Portela en piragüismo. Pero eu non tiña o seu nivel. Logo pasei ao montañismo ata que tiven o accidente hai 7 anos e tiveron que poñerme a prótese. A bici sempre me gustou e desde entón xa tirei moito dese deporte. Pronto me dixeron que o meu era a bici, e non o piragüismo ou outros deportes"

Así lembraba aquel fatídico día que lle cambiou a vida: "O día do accidente caín por un risco e pensei que perdía a perna, desgraciadamente tres dos meus rescatadores morreron. Sempre lles estarei agradecido, estiven 2 anos case sen camiñar. A día de hoxe, a mente como é moi selectiva, esquecín case ese minuto de caída que vivín. Despois tiven a sorte de poder superar ese trámite, un dos rescatadores axudoume a evitar o accidente, Quique, que vive en Sabero, entre León e Asturias. Con el aínda manteño moito contacto. Grazas a Quique puiden superar o sentimento de culpa. Cada 2-3 meses ou así falamos. Critícase moito a Garda Civil por ser moi autoritarios e non é certo, teñen unha humanidade incrible. Puxeron en risco a súa vida para salvar a dos demais. Tres deles perdérona. Eu fun ver a Quique a Sabero e el vén tamén á Coruña ás veces"

E na súa nova vida diante da bicicleta, compite de ti a ti con xente que non ten un padecemento como o que el ten coa prótese: "Unha vez pasado o trámite do ciclismo rehabilitador, como eu o denomino, dinlle un 'puntiño máis' e vin que podía loitar de ti a ti con eles, cos que non teñen unha eiva. Cando compites con outros que non teñen prótese... Non o din, pero nótase que pensan: 'este coxo que fai competindo con nós? Son enxeñeiro, gústame argallar, os cálculos... intento aplicar iso do mínimo esforzo e o máximo rendemento. O dos coeficientes de resistencia ao vento e todas estas cousas téñoas en conta sempre"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso