CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jonathan Aspas: "Os canteiráns están tendo minutos porque o merecen. Non aparecen dun día para outro por un bo adestramento"

28/10/2020 - 15:05 h

Jonathan Aspas, que xogou con David Silva (agora na Real, próximo rival celeste) naquel Celta do 2005-2006 pasou por Zona mixta para contar moitas cousas interesantes sobre o excéltico, sobre o seu irmán e sobre a situación actual do equipo cos canteiráns como protagonistas.

Comezaba falando do actual xogador da Real, que triunfou no City de Guardiola: "Silva foi un compañeiro novo que viña dunha tempada brilante no Eibar. Tanto Fernando Vázquez como todos os compañeiros namorámonos del. Agora coincidiu nun gran equipo, o Real, que xoga moi ben ao fútbol e por iso están onde están".

Sobre se vía candidato a curto ou medio prazo ao equipo txuriurdin, comentaba: "Por que non vai gañar a Liga outro que non sexa Barça, Madrid ou Atlético? En Inglaterra está o caso do Leicester. No fútbol non está nada dito".

Centrándose nos olívicos, sinalaba que hai que ser sempre ambiciosos: "Co equipo que hai agora non hai que contentarse nunca. O outro día había 7 canteiráns da Madroa, cousa que non pasaba desde o ano que baixamos a Segunda. Ese dato, que é positivo, non se está reflectindo no campo. Esperemos que as novas fichaxes rindan o que se espera. O Celta, como o outro día un cacho contra o Atlético, dominou o xogo. Falta gol arriba, pero xa chegará. Aspas non está só. Sempre di que está máis arriba ou abaixo dependendo do rival que lle toca. Eu creo que os seus goles teñen que chegar da man de todos. Un xogador como Silva hoxe no Celta dispararía o fair play financeiro. Pero espero que os grandes anos de Europa volvan. O fútbol vai por xeiras. Con 2-3 vitorias seguidas Nolito, Mina.... gañarían moita confianza, liberaríanse desa mala situación e aportarían moito".

E tratou o tema dos canteiráns e tamén se chegaron de xeito intencionado ou porque non quedou outra: "Como canteirán sempre dixen: se vén algo de fóra, que sexa para mellorar o que hai aquí ou que os de aquí o vexan como un espello. Foi o caso de Mazinho, de Makelele... Pero tal como está o mercado coa pandemia, foi complicado o tema das fichaxes por parte do director deportivo, eu enténdoo. O Celta está saneado e dá dous pasiños curtos para dar outros máis longos despois. Eu tiven tres adestradores grandes: Víctor Fernández, Lotina, Fernando Vázquez. Era moi difícil para un rapaz novo ter continuidade. Agora ves iso mesmo... é moi bo para os rapaces". E por iso, recalcou: "Se os canteiráns están tendo minutos é porque o adestrador e o equipo vén que están preparados e o merecen. Non aparecen dun día para outro porque fixeron un bo adestramento. Cando falo con Iago cóntame: 'Este moi ben, este é un fenómeno, este cando mellore'... Non vou dar nomes, pero cada día me conta algo bo deles".

E sobre a non presenza na selección do seu irmán, foi comprensivo: "Iago está moi ilusionado por volver á selección. O ano pasado, igual que Gerard Moreno, fixo unha gran tempada. Verse superado por futbolistas que non chegaron aos dez goles, si que te podes sentir enfadado. Pero está tranquilo. No grupo de whatsapp dos irmáns falámolo e dicímoslle que cando se poña de primeiro goleador español, todo virá rodado. Luis Enrique é un seleccionador xusto. Está probando xogadores que poden explotar. A Iago cando o levou despois de non contar con el, recoñeceu que se equivocara".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso