CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Pepín Rioseco pulveriza o récord mundial de 800 m con 80 anos: "A min gústame vivir. E o deporte é unha forma de vida"

30/04/2021 - 15:39 h

Hoxe asistimos a unha proeza. O ferrolán José Vicente Rioseco, coñecido por todos no atletismo como Pepín, bateu esta mañá o récord do mundo dos oitocentos metros na categoría de máis de oitenta anos, xusto a idade que cumpría hoxe. E como non, pasou por 'Zona mixta' para contalo: "En realidade fago 33 anos... eu teño recomendacións e din que teño 80, pero non é así", dixo cun sorriso nos beizos que non perdeu en case toda a entrevista.

O récord parecía incluso sinxelo tal como o bateu: "A verdade é que entrei sobrado, deixeime levar, decateime de que batía o récord con facilidade, pero non pasa nada, dentro de dúas semanas mellóroo e xa está. Melloro cos anos como os bos viños galegos que temos: os mencías e albariños, por exemplo. O récord tíñao un australiano, pero eu estaba convencido desde o principio de que o ía bater. Eu atópome moi ben, espero bater un récord este verán"

A única vez que se puxo un pouco serio foi para falar da pandemia e da beizón que supoñen as vacinas: "Son médico e puxen as dúas doses da vacina. Estou encantado. Debémoslle tanto a esta xente que traballa nos laboratorios... Esta epidemia podía levar por diante 100 ou 200 millóns de persoas tranquilamente, e grazas ás vacinas estamos aquí, iso si que é unha noticia de importancia. Os medios de comunicación participan en denostar algunhas vacinas como a de AstraZeneca. Unha aspirina, sen ir máis lonxe, ten máis complicacións ou mesmo o ibuprofeno"

Pero enseguida recuperou o sorriso e o optimismo para contar como chegou aquí con esa enerxía: "As xeracións actuais son moito máis sas que antes, de pequenos andabamos con mocos e tose. Eu con oitenta estou perfectamente. A miña nai viviu ata os 102 anos. A xenética inflúe, pero só con iso non chega. O meu secreto? A min gústame vivir. E o deporte é unha forma de vida. Antes chegar a 80 anos era unha cousa extraordinaria, agora se fala de 100, e os centenarios serán cada vez máis. Gústame o deporte en xeral: nado, fago bicicleta, pesas, no ximnasio elíptica, 'spinning' con música. Gústame tomar cervexas cos amigos tamén como se fósemos rapaces"

E o futuro tamén teno claro: "Hoxe entrei en máster 80 coincidindo con que fago anos. Este mes intentarei bater o récord do mundo de 1.500 metros nos campionatos galegos. Non teño presión nunca, pero farei o que poida, como fixen hoxe"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso