CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Celta-Levante e Lugo-Zaragoza, este venres na Radio Galega

28/04/2021 - 15:15 h

Na fin de semana, o protagonismo é para a Segunda B e a Terceira

Os equipos galegos que compiten no fútbol profesional coinciden esta xornada no día e na hora. O venres, desde as oito e media da tarde, Paco Santos centra o 'Galicia en goles' nas retransmisións dos partidos Celta-Levante, da Primeira División, e Lugo-Zaragoza, da Segunda División. Mentres en Balaídos agardan un encontro tranquilo en que o equipo vigués pode selar matematicamente a permanencia, o do Anxo Carro é unha final para o cadro lugués, que é o penúltimo na clasificación.

O sábado festivo, Xoán Galán dirixe desde as 3 da tarde oito horas de contidos deportivos, con atención especial ao Racing de Ferrol-Numancia, de Segunda B, e ao Obradoiro-Andorra, da Liga ACB de baloncesto.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto co Celta B-Leonesa, en que, de gañar o filial olívico, aseguraría a clasificación para as finais de ascenso á Segunda División. Na loita por evitar o descenso a Segunda RFEF terán seguimento durante a mañá o Covadonga-Pontevedra e o Sporting B-Coruxo. Desde as 3, o Deportivo-Langreo e o Compostela-Marino, de Segunda B, xunto á Terceira protagonizarán a sesión de tarde.

Durante a fin de semana, a audiencia da Radio Galega terá outras ofertas de temática deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo dedica o 'Convivir deportivo' á Sociedade Deportiva Pol. Pola noite, 'Gas a fondo' actualiza a información do motor ás 11 e ás once e media 'Galicia en Toquio' continúa o ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos. O domingo, ás 11 da noite, o espazo 'Ao contrataque' abre a mesa de debate para analizar os resultados do Celta, do Lugo e dos equipos galegos da Segunda B.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso