CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Doutor Gª Cota: "Lembro estar chorando nun cuarto de baño escoitando o ascenso do Celta pola Radio Galega"

28/04/2021 - 15:31 h

Unha entrevista de cine, falando de fútbol e de medicina, co doutor Cota, médico do Celta na Zona Mixta. Ademais de fantástico doutor, é un gran afeccionado á 7ª arte e así o demostrou no programa cunha enxeñosa serie de preguntas ás que foi sometido. Un doutor Cota, que quixo lembrar de primeiras unha persoa significada que nos deixou recentemente: "Quería lembra ao doutro Carro Otero, fun alumno seu na carreira e querería expresar o orgullo de aprender del, cunhas clases amenas e moito coñecemento. A medicina como paixón e profesión, o fútbol tamén foi sempre paixón e o cine é parte das lembranzas da propia vida".

Falounos das súas afeccións, algunha sorprendente, e sobre as que destaca sempre o cine: "Tamén son moteiro, gústame perderme coa Harley cando podo. A paixón polo cine venme de crecer con Sesión de tarde e Sábado Cine na televisión. E non só como pasatempo, senón como sentimento, que é o que transmiten as películas. Vexo menos cine do que me gustaría, sobre todo vexo pouco cine moderno, e moitas películas clásicas incluso repetidas dos anos dourados de Hollywood. Era un cinema sen efectos especiais, de autores e actores, con miradas que contaban cousas xa só en por si. Teño moitas películas na casa... unhas 700 en formato dixital"

Así cubría o especial 'quid' sobre cinema e fútbol: "A última escena de Centauros do Deserto é marabillosa, cun heroe que logrou o seu labor. En fútbol? Dúas escenas: o momento en que Iniesta marca o gol no Mundial e o 3 de xuño de 2012 cando o Celta ascende a 1ªDivisión. Estaba na Cartuja escoitándoo pola Radio Galega. Lembro chorar no baño do vestiario escoitando a Galega. Son momentos dunha vida, historias emocionantes con pálpito. O mellor xogador que vin nunca é moi complicado. Quizáis quedase con algún do medio campo da Selección: Xavi Hernández, por exemplo. Pero non podo deixar de citar a Iago Aspas, un fenómeno. O mellor adestrador? Pola relación que mantivemos sempre: Paco Herrera. Actor revelación no Celta esta temporada? Isto hai que dicilo antes para non ter que pensalas... vou dicir dous: Hugo Mallo polo estado de forma que recuperou na súa mellor versión, e Santi Mina, do que Coudet sabe sacar moito"

E preguntóuselle directamente pola portería, na que deixou unha frase e un anuncio: "Sergio Álvarez ten unha serie de lesións importantes e graves con evolución non adecuada, pero calquera cousa ten que transmitila el; vaino facer nos próximos días. Os porteiros son porteiros toda a vida. Rubén podería chegar aos últimos partidos, pero non imos arriscar"

Sobre o mago de Moaña, tamén tivo fermosas palabras: "Iago Aspas sábese administrar ben nos esforzos. É difícil predicir canto tempo máis vai durar nos campos, pero moito. Na Selección non teño mando para que veña, moito me gustaría que estivese, claro. A Iago Apas non lle vai influir na súa vida deportiva a curto prazo o golpe de non ir á Selección"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso