Zona Mixta
Alejandro Losada: "Imaxinas a Messi tirando un penalti desde o salón da casa? Co taekwondo en liña tamén se perde a esencia"
O mes que vén, por vez primeira, os Campionatos do Mundo de taekwondo da disciplina de técnica vanse disputar a distancia. Alejandro Losada, campión de España, pasou por Zona mixta para explicarnos como vai ser isto dunha competición en liña.
En primeiro lugar falou de como vai ser o sistema virtual: "O rival é imaxinario e os competidores teñen que realizar unhas técnicas que logo, despois de ver os vídeos, puntúan uns árbitros. Levan unha nota. Competimos a distancia xa sexa en directo ou gravando estes vídeos. Dependendo da rolda, primeiro van os vídeos, e logo xa compites".
E non é a primeira vez que o fai, ademais: "Eu sei o que é competir internacionalmente en liña. Desde o meu ximnasio en Monforte, e co meu adestrador ao meu carón competín primeiro gravando vídeos, e logo xa online. Pero prefiro o presencial. Eu traballo ben sobre presión, botei de menos iso, á xente tamén. E logo hai outra cousa, ao ser gravados os vídeos, o nivel vai ser máis alto. Mandan os mellores, claro".
Iso si, non se pode facer trampa, como mandar vídeos de hai tempo: "Tes que dicir antes de enviar o vídeo a data en que o gravas para evitar picaresca, e teñen outra serie de medidas para evitalo. Eu téñoos preparados, pero non os enviei para non dar pistas aos rivais, esperarei ata o final".
Ao preguntarlle sobre un futuro hipotético con deporte virtual de verdade, era moi claro e poñía un exemplo ben acaído: "Facer realidade virtual e combater en liña? Poder pódese facer, pero perdería toda a súa esencia. Imaxinas a Messi tirando virtualmente un penalti desde o salón da súa casa?".