CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Paula Sanmartín: "Colgo a bici. Perdín a ilusión ata por adestrarme. Eles poden vivir disto, as mulleres non"

27/10/2020 - 15:31 h

Mentres na Volta, con todos os seus problemas, temos a cara do ciclismo: corredores profesionais medianamente ben pagados, hoxe pasou por Zona mixta a outra cara do deporte. Hai un ano falaban con Paula Sanmartín, que asinaba por un equipo de máxima categoría. Agora pasou polo programa para explicar por que deixa a bici: "Xa vén de anos atrás a decisión de colgar a bici. Non é cousa deste ano. Estou farta. Fanche promesas e non se cumpren. O ano pasado en teoría cobraba, pero só me pagaron cinco meses. Ser ciclista para min é traballar 24 horas ao día, alimentación especial, coidados... e se por riba non cobras...".

Incluso entrou en detalles sobre o que podía supor para ela o esforzo de ser profesional: "Tiña que cobrar 600 euros ao mes e acabei cobrando 200 e só por cinco meses. E tiña que estar vivindo alí, non podía estar na casa. Este ano o equipo polo que fichei non me prometeu cartos, pero a miña cabeza xa dixo que non, e decidín retirarme do ciclismo".

E contounos que non traballa, aos seus 23 anos está preparándose para o seu futuro, este si, espera que profesional: "Estou estudando Químicas e claro, ou unha cousa ou outra. Estou moi pesimista, nin me apetece adestrarme xa, voume dedicar aos estudos. Os homes si poden compatibilizar e teñen vantaxes, as mulleres, agás as de Movistar non podemos vivir disto. Hai moitas compañeiras así en todo o país".

E remataba cunha pregunta demoledora: "Compensa dedicarse a isto se nin sequera o pasas ben enriba da bici?".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso