Zona Mixta
Chano Planas: "Moita xente non ten a confianza que teño eu en Enmanuel. Xa se vía que era un boxeador de elite"
Triunfo hoxe de Enmanuel Reyes Pla en boxeo diante do subcampión mundial. Por Zona mixta pasou Chano Planas, que o coñece moi ben. Desde a súa saída de Cuba, Enmanuel viviu un periplo moi intenso de viaxes ata que acabou na Coruña, onde reside actualmente: "Parece que moita xente non ten a confianza que teño eu en Enmanuel. Desde que o vin no ximnasio xa sabía que era un boxeador de elite. A entrada que fixo hoxe xa é tendencia e varios patrocinadores nos EUA xa están interesados nel. Incrible o deste home".
Así nos contou as peripecias ata a súa chegada á cidade herculina: "Enmanuel tiña familia xa aquí. Un tío del veu polo ximnasio para falarme del, que daquela saíra desde Cuba a Rusia. Chegar a Coruña foi unha odisea. En Austria estaba nun campo de refuxiados e ao falar con el vin que pensabamos no mesmo. Cando lle deron a nacionalidade española xa fichou oficialmente polo noso club. A Enmanuel non lle fai falta que o adestres, xa vén adestrado de seu; só hai que telo contento e feliz".
E a repercusión internacional está a ser moi grande polo combate entre o cubano De la Cruz co representante español: "Tanto en Cuba como en Miami o é como unha película.Queriamos que lle tocase De la Cruz, claro. A Enmanuel non lle deron a oportunidade alá en Cuba. De la Cruz non está no seu peso ideal, xa comeza a súa costa abaixo, viuse hoxe co boxeador de Kenia. Enmanuel vai ir polo ouro, vai haber deporte e elementos de política. De la Cruz buscará o fallo e a provocación e Enmanuel vai escapar diso para gañar a medalla de ouro".