CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Tamara Abalde regresa a Galicia co Ensino Lugo: “Marchou unha nena de 18 anos e volve unha muller de 32”

27/04/2021 - 15:40 h

Despois de anuncialo oficialmente a través dun xogo por redes sociais, o Ensino Lugo confirmaba o segredo a voces adiantado polos deportes desta casa: Tamara Abalde xogará en Lugo a vindeira campaña. E pasaba por 'Zona mixta' para contárnolo: "Hai un mes, máis ou menos, que comezaron os contactos co Ensino. Hai moitos anos que marchei de Galicia, do Celta Baloncesto, e estou moi contenta da volta. Botas a vista atrás, con 32 anos e ves a cantidade de partidos que xogaches fóra. É momento de volver"

E volve con máis experiencia e moitas ganas, xusto no momento: "Marchou unha nena de 18 anos e volve unha muller de 32. Veño con moitas experiencias, cunha nena... Todo é aprendizaxe. Volvo máis madura e con moito máis coñecemento non só do xogo senón de min mesma como persoa. Hai un proxecto moi chulo, pero non quero ser bocazas e falar de Europa"

Sobre o proxecto, cre que é momento de afianzalo: "O bonito non é chegar, senón manterse. Encántame a filosofía, a ilusión e ambición do Ensino Lugo, oxalá que se confirme que podemos soñar con Europa, veremos. Superar o deste ano non vai ser doado, por xogo, por resultados sorpresa contra equipos grandes... o da Copa..."

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso