CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Os King-Telas, Erik e Sergi, xogan hoxe xuntos o #DerbiDoMiño: "Na cancha claro que é unha vantaxe ser irmáns, nótase"

01/10/2020 - 15:42 h

Xa os alcumaron de broma como os King-Telas e Erik e Sergi Quintela pasaron pola Zona mixta para darnos unha entrevista para a historia.

Xogan hoxe xuntos o #DerbiDoMiño entre Breogán e COB Ourense.

Lévanse tan ben dentro como fóra da pista? O pequeno xa lle dá consellos ao maior?E o máis importante... miden o mesmo ademais de falar igual?

Todo iso contaron hoxe, empezando por saber se só falan de baloncesto: "Non falamos do baloncesto cando estamos xuntos fóra das pistas, preferimos falar da familia".

Erik contábanos o que é volver á casa: "Cando volves ao club do que es fan desde pequeno, e por riba co teu irmán no equipo... que máis se pode pedir".

E sobre a polémica da altura, tomárono con humor: "O máis alto dos dous son eu, chego a 1,82 m calzado, o dato ese de que medimos os dous 1,85 m está inchado".

Curiosidade, vén de familia o seu?. Así parece: "Na nosa familia os nosos pais inculcáronnos capacidade de sacrificio". Erik apuntaba: "O do baloncesto dos xenes non vén, o meu pai xogaba ao fútbol, pero o noso avó xa viña ver o Breo".

E se ser irmáns é unha vantaxe, teñen claro que si á hora de xogar: "Dáche vantaxe porque desde o verán adestrámonos unha ou dúas sesións xuntos. Iso non é o mesmo que adestrarse e xogar con compañeiros un ou dous anos. Nós levamos desde sempre xogando xuntos esteamos no equipo que esteamos".

Erik falaba do seu ascendente sobre o irmán: "Ensinarlle eu a estas alturas a Sergi? Avanzou moito". E Sergi ía máis aló: "Máis que pesado, gustábame que me corrixise, pero si, ás veces pasábase un pouco".

No que coinciden os irmáns é en que aínda que só haxa un ascenso, o Breogán sempre debe aspirar ao máximo, pero o máis importante é facer piña e ir partido a partido.

Sobre a situación da pandemia tamén tiveron tempo para falar: "Temos precaución coa familia co tema da covid-19. Nós somos deportistas e en teoría non debería afectarnos tanto, pero non nos xuntamos moitos cos que poden ser máis sensibles. Creo que como todo o mundo".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso