Zona Mixta
Patri López: "O curso anterior fomos a revelación. Seguimos pensando en manter a categoría, pero non deixamos de soñar"
Na Zona mixta estivo Patri López, xogadora dun Dépor feminino que volve esta fin de semana por fin á competición despois dunha tempada anterior excelente que foi curtada pola pandemia.
Comezou falando desas catro mosqueteiras que quedan desde o principio no equipo actual: "Cris, Gaby, Kika e eu levamos xuntas moito tempo e nótase. Tiramos un pouco do carro".
E sorprendeu afirmando que cando era cativa non pensaba no balón: "O certo é que eu de pequena non tiraba polo fútbol, senón pola loita, kickboxing... e todo iso vale agora polos valores que transmite para practicar calquera deporte, neste caso o fútbol".
Sobre a dificultade deste ano dixo: "A Liga este ano vai ser máis longa e todos os equipos se reforzaron. Teremos maior esixencia física e deportiva, pero estamos preparadas. O curso anterior foi moi bo, fomos a revelación. Seguimos pensando en manter a categoría, pero non deixamos de soñar. O ano pasado pillamos de sorpresa a moitos equipos, pero non imos cambiar o xeito de xogar. Igual temos que esforzarnos máis, iso si".
Falou, como non, dun nome propio, dunha xa ex compañeira que cambiou de equipo: "A baixa de Tere Abelleira é moi importante dentro e fóra do campo. Vaise notar, pero intentaremos suplir a perda, tamén coas novas. O partido contra Tere vai ser especial para ela e para nós, foi moito tempo. Esperemos que este ano se poida finalizar a liga, se se toman as medidas correctas, creo que será posible".