CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Marnotes, presidente do Arenteiro: “Estes rapaces non saben que acaban de facer historia e que van ser lembrados moitos anos”

26/04/2021 - 15:40 h

Na nova 2ª Federación vai estar o Arenteiro. Os do Carballiño certificaron o ascenso matemático desde a Terceira ao gañarlle onte ao Somozas, 5-0, así que xogarán na cuarta categoría nacional. En 'Zona mixta' falaron co seu presidente, Argimiro Marnotes, que dicía que aínda non celebraran o éxito: "Igual dentro de 15 días celebramos algo se se pode, estamos en circunstancias especiais. Teño que recoñecer que eu estaba moi nervioso, non durmín ben, foi unha agonía. A partir do minuto 5 empecei a respirar un pouco máis tranquilo. O traballo estaba feito, pero... se o balón non entra... Estamos fartos de escoitar os medios iso de que... merecían máis polo xogo... e ao final. Conseguir o ascenso na primeira oportunidade non é doado. Entre a pandemia e o estado do campo a afección pouco nos puido ver ata un par de xornadas antes da fase de ascenso"

E así relataba como se chegou a este merecido cambio de categoría: "Despois de dúas asembleas en que ninguén se quería facer cargo do Arenteiro, pensabamos en manternos. Para min xa era un éxito estar na fase de ascenso. Cantos equipos con equipos para ascender quedaron no camiño? Os xogadores estaban empeñados nese ascenso. Estes rapaces non saben que acaban de facer historia no Carballiño, e isto quedará para moitos anos. A cidade estivo pechada a cal e canto un mes polo coronavirus. Foi mellorando e puidemos xuntarnos no Espiñedo nun día de felicidade total"

E que depara o futuro? Pois o xa conseguido anima o presidente: "Non sabemos como se conformará a categoría e de que zonas xeográficas serán os equipos, non sabemos os recursos que nos dará a Federación. A partir de aí planificaremos, é certo que nós temos a garantía que a temporada imos rematala o 9 de maio, moito antes ca outros. O Pontevedra sería un obxectivo bo para xogar contra eles e todos os equipos que pasen polo Carballiño van ter a motivación de vir tomar o polbo aquí en cada visita ao Espiñedo"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso