CRTVG

Buscar

Zona Mixta

G. Veloso: "Prohibir estas posturas no ciclismo é como non deixarlle a un piloto de rallys que derrape porque é perigoso"

26/02/2021 - 15:30 h

Falaron de ciclismo no 'Zona mixta'. Agora que, en boa parte de Galicia, xa se pode saír en bici fóra do propio concello, que saiba a xente que este mes hai outra limitación: as posturas sobre a bici prohibidas pola Unión Ciclista Internacional. O ciclista galego Gustavo César Veloso achegounos a súa posición sobre estes cambios: "Estas posturas que puxo de moda Froome, desde a miña época como amateur xa a utilizaba eu e case todo o amateur. Consegues ir máis rápido na bici. O que buscamos é o rendemento. Paréceme unha estupidez que se prohiban estas posicións na bici e a escusa que utilizan. Non houbo ningún accidente importante por utilizar estas posturas. Depende do peso e a habilidade de cada ciclista. Eles din que non se gana nada con estas posturas porque nunca subiron a unha bici. Todos os profesionais din que esta prohibición é absurda"

Puxo unha metáfora para poder comprendelo: "Isto é como falar de rallys e preguntarlle a un piloto se derrapar é máis perigoso que non facelo. Cada un temos que saber cal é o noso lugar. Se o limitan nas categorías inferiores, pois mira... pero o ciclismo é un deporte de risco"

E tamén se posicionou sobre as multas: "Imaxino que durante un período de tempo se darán avisos antes de multar. Hai que interiorizar esta norma. Levamos 20 anos usando estas posturas, non é unha moda de agora. Hai que mirar pola seguridade, pero o ciclismo implica risco e forma parte del ese equilibrio. O ciclista non cae por estas posturas, senón porque arrisca máis nunha freada, nunha curva... para iso que collan unha bici de 'spinning'. Eu xa de vello non vou cambiar o meu xeito de correr"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso