Zona Mixta
O adestrador do Negreira ficha por un equipo de Xibraltar para a previa da Liga Europa: "Demostramos que os galegos podemos pasar do Padornelo"
Hoxe pasou por Zona mixta un mestre de mestres, Chus Baleato, un dos máis veteranos adestradores galegos, que marcha a Xibraltar este verán para preparar ao Lincoln Red Imp. cara á previa da Liga Europa que van disputar.
O de Val do Dubra explicounos como xurdiu a oportunidade: "O de Xibraltar veu polo tema da docencia: teño moita relación con William Amaral, o ex do Compostela, co que dou charlas, ao que nomearon representante no equipo que vou preparar este verán en Xibraltar. Logo da experiencia volvo para o Negreira, co que me comprometín. Así demostramos que os adestradores galegos podemos pasar do Padornelo para abaixo".
E sobre o traballo que vai levar a cabo, comentou: "O meu labor vai encamiñado a poder conseguir avanzar na previa da Liga Europa. Vou ser director de formación e construtor de xogo, ese é o meu cargo oficial. Non sabemos aínda o rival, pero si os paises que formarán parte desta previa. O sorteo será o 10. Será a partido único e en campo neutral. O Lincoln xa xogou algunha vez a previa da Champions".
Falounos sobre como é o fútbol en Xibraltar: "Non son equipos profesionais. A partir do luns imos facer recoñecemento médico e traballo colectivo, algo novidoso para eles. Teñen alugadas unhas instalacións na Linea da Concepción porque no Peñón só hai un campo. En Xibraltar hai 3-4 equipos destacados, o resto están a moito menor nivel".
E como se vai desenvolver nun lugar novo? Non ten dúbidas Baleato: "Xa lle dixen ao presidente do club que non sei unha palabra en inglés, pero entendémonos en castelán con acento andaluz. Impacta moito o luxo que hai en Xibraltar. É pasar a fronteira e ves algo extraordinario. Sobre o meu contrato e os cartos non sei moito, só que alí teñen un banco con sete andares e sen xente dentro. Tampouco quero profundar, porque, en principio, a miña etapa aquí vai ser temporal. Chamoume a atención que a selección de Xibraltar se adestra unha vez cada semana durante todo o ano".