CRTVG

Buscar

Zona Mixta

O final da primeira fase na Segunda B e Terceira protagonizan o 'Galicia en goles', na Radio Galega

25/03/2021 - 15:31 h

Ademais, Lugo-Sabadell e Guipúzkoa-Obradoiro no deporte profesional

O venres, o primeiro 'Galicia en goles' da fin de semana estará no palacio dos deportes de Riazor, para dar cobertura ao encontro da liga de hóckey a patíns entre o Liceo e o Noia. No programa, os oíntes tamén estarán informados do Alacant-Basquet Coruña, da fase de ascenso á Liga ACB de baloncesto, e do Granollers-Cangas, da Liga Asobal de balonmán.

O sábado, desde as 3, a atención estará posta no resumo do Deportivo-Real Madrid de fútbol feminino. Durante a tarde, as principais retransmisións serán o Cisne-Logroño, de balonmán, e o Guipúzkoa-Obradoiro, de baloncesto.

Xa o domingo, o 'Galicia en goles' terá unha duración próxima ás doce horas. Desde as once e media da mañá, a edición matinal despregará un amplo equipo no final da primeira fase da Segunda B de fútbol. Ás 2, o Lugo-Sabadell, da Segunda División A, ocupará a faixa da sobremesa. A partir das 5, o interese pasará pola última xornada na Terceira Galega. E ás 7, o balonmán tomará o protagonismo co histórico Guardés-Málaga, nas semifinais da European Cup feminina. A partir das oito e media, adestradores e xornalistas debaterán da xornada no 'Faladoiro'.

Ademais do 'Galicia en goles', a Radio Galega ofrece na fin de semana outras ofertas deportivas. O sábado, á 1 do mediodía, 'Convivir deportivo' chega ao concello de Abadín para expoñer a historia do club de fútbol. Ás 11 da noite, 'Gas a fondo' resume a actualidade do motor galego. E ás once e media, Toni López entrevista a judoka Sara Álvarez e o tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra. O domingo, ás 11 da noite, 'Ao contraataque' debate cos especialistas o sucedido nos partidos do Lugo e os equipos galegos da Segunda B.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso