CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Paco Jémez: "Hai que salvar a categoría e logo o Depor ten que empezar de cero, pero do cero máis absoluto"

25/02/2021 - 15:15 h

Pasou por Zona Mixta Paco Jémez, logo de axudar a salvar un home na Coruña e despois de declarar que non lle importaría ser adestrador do Deportivo. No programa contou o primeiro e matizou o segundo.

O primeiro, como se atopa na cidade herculina e o que pasou no campo de golf onde se atopaba cando unha persoa tivo un infarto e puido axudalo: "Non está mal esta descrición que me dá @javitorres6 dun coruñés de Córdoba. Aquí teño moitos amigos e raíces tanto aquí como alá. Hoxe puiden falar coa muller da persoa que puiden axudar. Segue na UCI, pero os médicos son optimistas coa súa recuperación"

Sobre a pregunta de se collería ao Dépor nunha situación tan crítica: "A min non me gusta que as cousas se saquen de quicio, eu non me ofrecín ao Dépor, e menos gratis. Foi unha resposta a unha pregunta que me fixeron. O Deportivo ten un gran adestrador, Rubén de la Barrera. Non quero cambiar a resposta, pero que ninguén se leve a engano. O Dépor está nunha situación moi complicada agora e tense que centrar en conseguir o ascenso, oxalá o faga. A situación de inestabilidade vén de que -aínda que as cousas se quixeron facer ben- non se conseguiu. O importante é saber onde estás: esa é a reflexión. Para o Deportivo un descenso podería ser definitivvo, incluso a morte do club"

E sobre posibles solucións e se se tomaron no seu momento, afirmou: "Cando os resultados non chegan hai que cambiar. Iso se intentou, pero non saiu. Aquí se saca o capote logo de que marche o touro. Ninguén puxo pegas aos xogadores cando se formou o cadro de xogadores, pero a posteriori non é nobre dicir que non ten capacidade para Segunda B. Cando en verán se armou este equipo a xente non dicía que non valía para 2ªB. Agora dise que ten que haber xogadores que coñezan a categoría, pero aquí hai xogadores que estiveron en Primeira. Os esforzos teñen que centrarse en salvar esta categoría e empezar de cero. O ambiente está tan enrarecido que hai que rodearse de persoas de confianza e darlles toda a forza, pero sempre partindo de cero, do cero máis absoluto"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso