Zona Mixta
Carlos Lariño: "O Fuenla viaxou sen médico por un problema persoal que non podo contar. Sen médico non se pode xogar o partido"
O doutor do Deportivo, Carlos Lariño, estivo hoxe en Zona mixta falando da axuda que está a prestar aos xogadores do Fuenlabrada, que se desprazaron a Coruña sen médico. Amosou a súa solidaridade, como lle gustaría que actuasen con el: "Estou axudando o Fuenlabrada porque se pasa iso alí a min tamén me gustaría que fixesen iso. Eles viñeron sen médico. Non é normal que viaxen sen el, foi por un problema que non podo contar por confidencialidade. Non sei se tiñan en previsión substituílo. De feito, sen doutor non se poden presentar a xogar".
Ao preguntarlle pola situación médica dos xogadores, afirmou: "Agora empezan xa os síntomas da enfermidade o día cinco despois de estar na Coruña. O rapaz que está ingresado está ben. Parece que a situación de todos é correcta. Esta enfermidade provoca malestar, dores musculares, cefaleas, etc".
Tamén deixou claro que descoñecía se os xogadores chegaron sabendo da infección: "Os tests, incluso os PCR, poden dar resultados negativos. Medicamente non teño datos de se a expedición viaxou sabendo que había positivos na expedición, non me podo decantar e afirmar que había un brote".
E indo máis á situación xeral que se está a vivir cos rebrotes, valorou como era en marzo e o que se está a ver agora co virus: "Agora os casos que se dan a nivel xeral son de xente máis nova. Sinto ser pesimista, pero a xente nova logo vai á casa e pode contaxiar os seus maiores. Pido responsabilidade, a nivel xeral á poboación. O único que funcionou foi o confinamento e non me gustaría volver a ver o que vivín en marzo. O virus muta, está claro, e aínda non sabemos se afecta máis os novos ou só é que estes teñen unha actitude diferente á xente maior que se protexe máis".
Sobre unha posible disputa do encontro suspendido, aclarou: "Desde o punto de vista deportivo non podo falar, desde o punto de vista médico creo que para ese hipotético partido que hai que disputar habería diferenza física entre os dous equipos que se enfrontasen".
E tivo unhas palabras para o adestrador, que o pasa mal e ben a partes iguais, e fai que el, que está ao seu carón, tamén o viva como o de Castrofeito: "Fernando Vázquez é moi pasional no campo e é contaxioso animicamente no triunfo e na derrota. A min expulsáronme en Tenerife, non insultei o árbitro, por suposto, só dixemos que non era falta. Foi unha expulsión xusta e aos cinco minutos chamoume miña nai para preguntarme iso. Xa a tranquilicei ao momento".