CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Marrube: "Agora penso na familia, roubeilles moito tempo. O meu neno de 10 anos está aprendendo moito da vida estes días"

24/02/2021 - 15:45 h

No 'Zona mixta' falaron con Juanma Marrube, elegante dentro e fóra da pista como demostrou a súa despedida como adestrador do Burela. Quixeron saber como recibe un adestrador algo así? En que afecta a súa vida diaria logo de 4 anos dedicados ao club. Escoitamos o lado humano do de Alfoz: "Estou moi tranquilo logo do deber ben feito. Na 'cómoda vida do adestrador' poden pasar estas cousas. Estou coa conciencia moi tranquila. Deixo o equipo en mellor lugar de onde o collín, así que tranquilo co traballo feito. Manteño unha boa relación coa directiva. Foron 4 anos, isto é a vida, os clubs seguen e as persoas móvense"

Sobre as razóns, non quixo concretar e dixo que foi tamén, de seguro, unha decisión difícil para os directivos do equipo burelao: "Teño unha tranquilidade enorme agora mesmo. Durante toda a tempada non caímos ao descenso. Cos rivais de media táboa ata abaixo logramos bos resultados, ata con dous ou tres dos de arriba. Creo que deixo un bo legado. Isto forma parte da vía que tomamos os adestradores"

E reflexionou en voz alta sobre a familia e o que poden aprender os fillos de momentos coma estes: "O primeiro penso na familia, roubeilles moito tempo. A aprendizaxe que está levando o meu neno de 10 anos para saber como funciona a vida é moi importante. Tratei de explicarlle que cando tes un porqué non importa o como"

E finalmente, non desbotou volver ao club, non neste momento, pero si nun futuro próximo nalgún posto de responsabilidade onde poida achegar a súa experiencia e saber: "A relación coa directiva sempre foi moi boa, moi franca e aberta. As portas estarán sempre abertas. Pero non vou estar agora polo medio cando chega un novo adestrador. Teño opcións para seguir despois a final de tempada traballando no club, pero agora non é o momento"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso