CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Nacho Moyano: "Contaxiámonos por facer o noso traballo, poño a man no lume polos xogadores, sei que non foron a ningunha festa"

23/10/2020 - 15:40 h

Nacho Moyano, adestrador do Balonmán Cangas, pasou pola Zona mixta para explicar como é a situación do seu equipo, con varios positivos: "Temos algúns xogadores que teñen que pasar corentena. En total temos 21 afectados, pero non hai síntomas graves, máis aló da perda de olfacto e gusto dalgún deles. Xogamos contra varios equipos con positivos, non sabemos o foco".

Desde o punto de vista deportivo afirmou que: "Solicitamos adiar o partido da próxima xornada tamén. O luns poderei contar con 4-5 xogadores para adestrar. Igual o venres temos a 10 ou 11, pero non é o mínimo para xogar un partido dunha liga de elite".

Entón, cal foi a solución que se lle ocorreu? Pois unha ben orixinal: "Recuperamos algo que faciamos no confinamento grande que empezou en marzo: os adestramentos virtuais. Hai que tratar de sacar do malo algo bo e aproveitalo. Desde o principio do confinamento iamos facendo cada dous días videochamadas. O vídeo é un complemento para axudar aos adestramentos. É útil. O que queira atender vaino facer, e o que non, vai pasar. Estaban todos coa cámara conectada. Non teño queixa cos meus xogadores, nin veteranos nin novos. E son moi responsables. Poño a man no lume na responsabilidade deles, non foron de festa, collérono traballando".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso