Zona Mixta
Iris Gutiérrez, a 'muller-araña' de Lugo: "Cando estaba aló arriba, asegurei corda no último seguro e caeume unha bágoa"
Na Zona mixta falaron dun fito para a escalada en Galicia. A luguesa Iris Gutiérrez converteuse na segunda galega en conseguir o grao oitavo de dificultade nunha ascensión. É dicir, que chegou ao penúltimo grupo de graos que existen.
A protagonista sinalou a dureza da proba: "A dificultade dun grao oito é como pasar a unha primeira división. Moito percorrido, moito adestramento... pero ao final chegas. É un grao serio ao que non chega moita xente".
E as sensacións que se viven, xa que logo, son únicas, como relataba: "Cando estaba escalando arriba en Huesca, asegurei a corda no último seguro e caeume unha bágoa. Ao baixar rompín a chorar".
Uns portos e unhas vías cuns nomes moi de cine: "A vía chámase Soldado Universal, son todos nomes de películas nesta zona, póñenllos os propios deportistas".
Ao preguntarlle por un famoso documental sobre escalada libre sen protección, de moda en outros tempos, dixo non compartilo: "Hai xente que fixo cousas xogando a vida, moi lonxe do que eu penso. Hai unha modalidade de escalada na que vas sen cordas de amarre, pero se esvaras, caes ao mar. É moi distinto á escalada libre que estivo de moda nos 90. O protagonista do famoso documental carecía no cerebro do sentido do medo polos estudos que lle fixeran".
Ela, particularmente, non ten medo porque leva un protocolo de seguridade no que confía. E xa se marca novos fitos: "Non teño medo no que fago, confio na seguridade da escalada e no meu traballo. O meu próximo obxectivo é facer outro oitavo grao aquí en Huesca noutra modalidade. E tamén no rocódromo de Lugo espero renovar o meu título galego. Faltan rocódromos e subvencións en Galicia".