CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Isabel, profesora de educación física: "O ano pasado era todo compartir e este ano non se poden tocar. Hai nenos que non o entenden"

23/09/2020 - 15:40 h

Hoxe no Zona mixta foron botar un ollo nos nosos colexios. Falaron con Isabel Alonso, profesora de educación física do colexio Carballal de Vigo, que nos achegou como levan os rapaces o "non contacto" nas actividades deportivas.

Como levaran esta situación de 'tolemia' alumnos e profesores? Pois case igual: "Estamos empatados entre alumnos e profesores, toleamos por igual nesta situación. Os cativos veñen con moitas ganas, excitados, alterados. É complicado que presten atención aos adultos que estamos con eles. O recreo é o seu desafogo. E claro, ás veces estamos actuando algo de 'policías'. Algúns queren quitar a máscara, outros xuntarse... Hai diferenzas entre pequenos e maiores. O ano pasado era todo compartir, cousas grupais, e este ano todo o que ensinabamos xa cambiou. Hai nenos que o poden entender, outros non, porque é moi contraditorio para eles".

Sobre como o levan ao outro lado, nas casas, Isabel foi condescendente: "Os pais non dan a lata, a comunicación por esta situación está máis limitada, pero en xeral compréndeno".

Ao preguntarlle por posibles melloras que as poidan axudar, dixo: "Axudaría material que utilizasen uns grupos ou cursos e outros non, e fosen desinfectados polo medio. Nas clases de educación física estamos reiventándonos. Hai que buscar a distancia nas actividades, están as máscaras que os afogan no exercicio, non podemos usar o material fisicamente, que nos axudaban moito. Buscamos xogos de distancia, recursos que ves que lle funcionan a outros, contidos como expresión corporal...".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso